Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Baiona estivo presente na presentación da campaña "Rías Baixas, Ricas por Natureza" en Ponferrada.

Baiona estivo presente na presentación da campaña "Rías Baixas, Ricas por Natureza" en Ponferrada.

Correo-e Imprimir PDF
O alcalde de Baiona Jesús Vázquez Almuiña na presentación da campaña Rías Baixas, ricas por natureza.

ANFACO e o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e Asociacións Turísticas da provincia, presentaron por segundo ano consecutivo a campaña "Rías Baixas, Ricas por Natureza" en Ponferrada, na provincia de León (Castilla y León). O acto celebrouse o xoves 18 de marzo no Hotel Ponferrada Plaza e estivo presidido polo Alcalde de Baiona e Deputado Provincial, Jesús Vázquez Almuiña, o responsable de estratexia e desenvolvemento de ANFACO-CECOPESCA, José Carlos Castro, Rosa Martínez en representación do Consello Regulador e Ventura Rodríguez en representación das Asociacións Turísticas, arroupados polo Alcalde de Ponferrada, Carlos López Riesco.

Tamén estivo presente Ezequiel Simóns, presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, Aceba, o cal apoiado por persoal técnico do departamento de Turismo de Baiona, entregou máis dun centenar de folletos e artigos representativos da zona aos diferentes colectivos e axencias de viaxes asistentes. A campaña ten como obxectivo fundamental consolidar a marca "Rías Baixas" como un destino turístico de calidade e de proximidade.

Entre as diferentes actuacións levadas a cabo nesta presentación destacouse o” workshop” no que as asociacións turísticas da provincia, deron a coñecer a variedade de opcións e destinos turísticos, que ofrece esta zona de Pontevedra. Tras a presentación oficial da campaña, o público asistente tivo a oportunidade de comprobar as calidades dos produtos descritos, nunha degustación de 7 receitas gastrónomas, elaboradas a partir de conservas de peixes e mariscos e de 12 marcas de viños, con D.O. Rías Baixas.

A campaña que realizou a súa quinta escala en Ponferrada, percorrerá ata o próximo 14 de abril, cinco cidades máis do noroeste peninsular, incluído o norte de Portugal. O calendario da campaña "Rías Baixas, Ricas por Natureza" seguirá de promoción en Oviedo (24 Marzo), Santander (31 Marzo), Madrid (7 Abril), Porto (11 Abril) e Vigo (14 Abril).