Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona 4000 cartas por toda Baiona farán públicas as retribucións dos políticos municipais da Vila Real.

4000 cartas por toda Baiona farán públicas as retribucións dos políticos municipais da Vila Real.

Correo-e Imprimir PDF
pleno_baiona_marzo2011

O soldo do alcalde de Baiona é de 4.087,99€ mensuais. O de seu 1º Tenente de alcalde pasa os 3.600€ e o do resto dos concelleiros de goberno van dende os 1900€ aos 1200€ aproximadamente por unha media dedicación horaria ao Concello. “Como podedes comprobar, os políticos da nosa vila están moi ben pagados, quizais demasiado”, opina o portavoz do BNG Xosé Enrique Fernández. O candidato nacionalista ás municipais de maio, fixo pública a lista de retribucións dos cargos políticos do municipio nun escrito que hoxe comezará a ser distribuído entre 4000 destinatarios no concello de Baiona.

No escrito, Xosé Enrique Fernández informa que Jesús Vázquez Almuiña percibe 6.547,99€ mensuais, produto do seu soldo como rexedor e mais 2.460€, polas súas funciones como deputado. No caso do concelleiro e 1º Tenente de Alcalde, Manuel Ramón Vilar Márquez, a retribución mensual alcanza os 3.663,09€. No caso dos concelleiros de goberno con media dedicación horaria, o que percibe maior salario é o portavoz do PP, 2º Tenente de alcalde e concelleiro de Turismo Ángel Manuel Rodal Almuíña, con 1.923,35€. O resto das retribucións son de 1.749,43€ para a concelleira María de los Ángeles Silva González de Servizo Sociais, Igualdade e Traballo; 1.555,06€ para a concelleira María Iglesias Fernández de Cultura, Xuventude e Consumo e 1.224,26€ para o resto dos concelleiros de goberno, segundo o informe elaborado polo candidato do Bloque.

O nacionalista informa que os salarios foron aprobados nun pleno ao comezo da lexislatura de Almuíña. Para iso, o oficialismo contou coa totalidade dos seus votos favorables, o PP e mais Coalición Miñorana. Para Fernández “os importes dos salarios son excesivos se os comparamos coa baixa produtividade do goberno: falta de xestión, ineptitude, poucas ideas, escasa dedicación, intereses persoais e partidistas, etc.”

Sobre este mesmo tema os nacionalistas tiveron un debate co alcalde Almuíña no derradeiro pleno de marzo. Nesa ocasión, o rexedor deu outra versión dos feitos, dicindo que o soldo que percibe é o mesmo que deixou votado o seu antecesor o socialista Carlos de la Peña. Consultado Xosé Ernique Fernández polos ingresos que perciben os concelleiros da oposición, informou que o mesmo é de 380€ por pleno, cifra que non aumenta en caso de reunirse máis de unha vez nun mes. Agregou que os portavoces dos grupos municipais reciben 90€ máis por mor da comisión informativa. No caso dos concelleiros nacionalistas por “motus propio” entregan a totalidade desa retribución ao BNG-Baiona, e perciben do partido 200€ cada un para sufragar os gastos da función.

Xosé Ernique Fernández afirma na súa misiva que o “ Sr. Almuíña logrou que Baiona acadara un dos maiores índices de paro da comarca, foi incapaz de aprobar o PXOU, abandonou as parroquias, deixou sen limpar as rúas e as praias, non fixo nada contra o incremento dos accidentes nas estradas, privatizou a xestión do pavillón de deportes, o punto limpo, o servizo de limpeza municipal etc. “. Asemade, o nacionalista afirma que o “goberno do PP, esgotado e incapaz de facer fronte ás situacións reais de Baiona, deixa moito que desexar”.

Militantes do BNG comezan hoxe unha campaña de distribución de máis de 4000 cartas con esta información, ademais dunha serie de valoracións sobre a actitude do rexedor Jesús Vázquez Almuíña con relación á educación. O escrito tamén pode atoparse na web do BNG.