Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona A confraría de Baiona firma convenios coa Xunta para combater o furtivismo e mellorar a produción.

A confraría de Baiona firma convenios coa Xunta para combater o furtivismo e mellorar a produción.

Correo-e Imprimir PDF
A delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, rubricou dous convenios coa Confraría de Baiona

A delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, rubricou dous convenios coa Confraría de Baiona, que percibirá máis de 62.000 euros. Un dos convenios ten por obxecto mellorar as condicións para a produción e a loita contra o furtivismo, co fin de acadar a máxima rendibilidade dos recursos mariños de xeito compatible coa súa conservación. O outro centrarase na mellora da capacidade produtiva dos bancos marisqueiros.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar asinou 13 convenios de colaboración con 7 confrarías da Ría de Vigo (Arcade, Redondela, Aldán, Cangas, Moaña, Baiona e Vigo) co fin de obter unha mellora na xestión, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños. O importe total para a materialización destes traballos ascende a case 300.000 euros (265.146€) e permanecerá vixente ata o vindeiro 31 de xuño de 2011, con posibilidade de prórroga.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, rubricou os dous últimos convenios co patrón maior da Confraría de Baiona, Fernando Leyenda, despois de que nas últimas semanas fixera efectiva a sinatura coas restantes confrarías pertencentes ao ámbito da Delegación Territorial. A través dos dous convenios de colaboración asinados, a entidade de Baiona percibirá máis de 62.000 euros para realizar accións encamiñadas a mellorar os recursos mariños e cos que se posibilitará a contratación de seis persoas.

Dentro dos 13 convenios, hai dous tipos de acordos. Un deles ten como obxecto combater os efectos negativos que produce, entre outras actividades, a sobreexplotación dos recursos mariños. Para iso, contémplase a realización das actividades de conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños mediante operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, establecendo as condicións de acceso ás zonas de pesca. As actuacións parten co obxectivo de mellorar as condicións para a produción (coidado, control e seguimento dos bancos marisqueiros) e a loita contra a extracción ilegal. Concretamente, para este tipo de acordos, as 13 confrarías da Ría de Vigo percibirán máis de 170.000 euros.