Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Baiona comprométese coa Rede de Dinamización Lingüística coa desaprobación do BNG.

Baiona comprométese coa Rede de Dinamización Lingüística coa desaprobación do BNG.

Correo-e Imprimir PDF
A Rede de Dinamización Lingüística chega a Baiona (Imaxe de arquivo)

Cos votos afirmativos de tódolos partidos menos o BNG, o Pleno de Baiona decidiu integrar á corporación na Rede de Dinamización Lingüística impulsada pola Xunta de Galicia. A iniciativa permitirá ao concello "puntuar mellor" nas convocatorias para subvencións dirixidas ao fomento da lingua. Para os nacionalistas, a Rede é "unha cortina de fume dun goberno que non defende o galego onde o ten que facer".

Creada en setembro de 2010, a Rede "é unha asociación voluntaria que busca congregar as entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega", segundo o artigo 1º da ordenanza. Por outra banda, Anxo Lorenzo dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística afirmou durante a presentación da Rede no Concello de Ourense en decembro pasado que "no vindeiro mes de xaneiro sairá publicada a nova convocatoria de subvencións para a promoción do uso do galego a través das entidades locais de Galicia, na que se terá en conta positivamente a pertenza dos concellos á Rede".

A resolución do Pleno baionés inclúe a designación da concelleira de Cultura, Xuventude e Consumo María Iglesias Fernández (PP) e o concelleiro de Turismo Ángel Manuel Rodal Almuiña (PP), como representantes da corporación no Consello de Membros da Rede.

Para o BNG a Rede é unha "cortina de fume" da Xunta de Galicia.

Xosé Enrique Fernández, portavoz do BNG, afirmou a Valminor. info que os concelleiros nacionalistas votaron en contra porque a proposta é unha cortina de fume para tapar as carencias na defensa do galego por parte do goberno do PP na Xunta de Galicia. Fernández dixo que proba diso é a ausencia de cartos no orzamento 2011 da Xunta para a Rede. O concelleiro tamén opinou que os concelleiros designados para representar a Baiona "son xustamente os que menos falan en galego".