Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Baiona recibe o Premio Provincial a Concellos de "Encontros 2010".

Baiona recibe o Premio Provincial a Concellos de "Encontros 2010".

Correo-e Imprimir PDF
Premio ao concello de Baiona

A Deputación de Pontevedra distinguiu o Concello de Baiona co Premio Provincial a Concellos do Programa Encontros 2010 para o fomento do comercio. O galardón que inclúe un premio de 5000 euros, é un recoñecemento ao traballo das administracións locais e a súa contribución na mellora dos centros urbanos para que resulten máis atractivos, dinámicos, competitivos e sostibles.

A candidatura de Baiona á II Edición dos Premios Provinciais apoiouse na humanización da rúa Elduayen, Marqués de Quintanar e Praza de Santa Liberata. Nestas intervencións, procedeuse á instalación e noutros casos renovación, do mobiliario urbano, da iluminación e ampliación de beirarrúas.

Tamén se realizou unha nova distribución do espazo que dende entón permite conxugar as zonas destinadas a estacionamento coa carga e descarga. A accesibilidade e a creación dun ámbito de calidade que invite ao paseo, ao ocio e ás compras foi o principal logro.

Segundo sinalou a concelleira responsable de Comercio, Rosa Ana Marcote, esta distinción serve de acicate para seguir apostando pola calidade do comercio baionés. "O montante económico será investido integramente na súa promoción e en levar a cabo accións encamiñadas a mellorar os ámbitos para facelos máis cómodos e atractivos".

Ana Simóns, concelleira de Urbanismo, coincidiu coa responsable de comercio na necesidade de seguir traballando por lograr ámbitos acordes coas necesidades e tamén apuntou cara á calidade como signo de distinción con outras áreas comerciais.