Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona A 1ª Ruta Marítima do Camiño de Santiago, fará a súa escala en Baiona

A 1ª Ruta Marítima do Camiño de Santiago, fará a súa escala en Baiona

Correo-e Imprimir PDF

A 1ª Ruta Marítima do Camiño de Santiago, fará a súa escala en Baiona, o día 23 de xullo. A Asociación Intercéltica, en colaboración coa Rexión de Turismo do Alto Miño e a Asociación Galega de Actividades Náuticas, vai levar a cabo o 1º Raid « Ruta Marítima do Camiño de Santiago », entre os vindeiros días 18 ó 25 de xullo. Tratase dun itinerario único de peregrinación, que pretende, en oito días, unir Montelmor-o-Velho a Santiago de Compostela. Con un total de 334 quilómetros, esta Ruta Marítima, pretende recuperar unha tradición, constatada con varios testemuños históricos que fan alusión a peregrinacións marítimas a Santiago de Compostela, xa dende o Imperio Roman e que se viron intensificadas a partires da Idade Media.

A idea partiu da Rexión de Turismo do Alto Miño, que xa no ano 2004, tentara realizar unha ruta marítima de peregrinación a Santiago de Compostela, co obxectivo principal de dinamizar un novo itinerario sostible como vía de peregrinación e de intercambio cultural. Segundo Francisco Sampaio, Presidente da Rexión de Turismo do Alto Miño, o percorrido definido para este primeiro ano da Ruta Marítima, basease, sobre todo, no itinerario de peregrinación por mar a Santiago de Compostela, descrito por Edrici, xeógrafo árabe do século XII, a pesar de que nove séculos despois, fora adaptada na súa totalidade ós desafíos levantados polas ondas do mar.

A saída está prevista para o día 19 de xullo, dende a Vila portuguesa de Filgueira da Foz, na que a bordo dos veleiros Nauja e Zorba, embarcarán diversas autoridades portuguesas e españolas, así como periodistas invitados, interesados en vivir esta aventura. A chegada a Santiago de Compostela, terá lugar o 25 de xullo, « Día do Apóstolo ». As escalas realizaranse en Aveiro, Matosinhos, Póvoa de Varzim, Viana do Castelo, Baiona e Vilagarcía de Arousa.

Destacar que Baiona conxuntamente con Vilagarcía de Arousa, son as únicas vilas mariñeiras galegas nas que fará escala esta Ruta Marítima. A chegada a Baiona está prevista para o vindeiro luns 23 de xullo. Os dous veleiros cos seus tripulantes, chegarán ó Porto Deportivo de Baiona, sobre as 17 :00 horas, onde serán recibidos polo Alcalde e demais autoridades locais. As persoas que o desexen poderán achegarse ó Porto Deportivo para velas embarcacións de cerca e incluso terán ocasión de subir a bordo. Os tripulantes dos dous veleiros visitarán posteriormente as rúas do casco histórico, a Carabela Pinta e a Fortaleza Monterreal, rematando a xornada cunha cea nun restaurante de Baiona. Deste xeito, terán ocasión de coñecelas excelencias turísticas da nosa Vila.

En pleno século XXI, a organización do Raid « Ruta Marítima do Camiño de Santiago », pretende que esta se afirme como unha importante vía de peregrinación e de intercambio náutico, cultural e histórico.