Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Pérez Touriño sinala que a Xunta acometerá obras de emerxencia en diferentes

Pérez Touriño sinala que a Xunta acometerá obras de emerxencia en diferentes

Correo-e Imprimir PDF
 O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou esta mañá que o Goberno galego vén de aprobar, na xuntanza do Consello da Xunta, a declaración de emerxencia de obras en Cee, Vilagarcía de Arousa e Baiona que teñen como obxecto, todas elas, previr futuras enchentes nestes municipios. Estas obras suporán un investimento, por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, de 6,6 millóns de euros Unha vez rematadas as obras, que se executarán no verán, e que teñen como finalidade –segundo Touriño- “aumentar a capacidade dos leitos dos ríos, o saneamento e o acondicionamento das súas marxes”, acometeranse outras obras máis estruturais.

 

Segundo destacou Pérez Touriño, estas obras de “carácter máis estrutural” afectaran basicamente ao Concello de Vilagarcía de Arousa, no río Con. Así, neste municipio acometeranse actuacións que modificarán as instalacións portuarias e que afectarán á desembocadura do río Con.

Estabilidade dos Grumir
Por outra banda, o presidente do Goberno galego destacou na rolda de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta que o Executivo autonómico vai destinar 1,6 millóns de euros ao desenvolvemento dos grupos municipais de intervención rápida. Esta axuda forma parte, segundo sinalou Touriño, do compromiso adquirido na sinatura do Pacto Local e beneficiará a 63 concellos de Galicia.

O obxectivo deste acordo é o de dotar dunha estrutura estable aos Grumir e garantir a súa continuidade futura. Segundo precisou Touriño, conseguirase ademais que os Grumir cumpran coas metas fixadas no Plan de Protección Civil de Galicia de cara a intervir en labores propias da extinción de incendios forestais ou en determinadas situacións que impliquen perigo para as persoas e derivadas de riscos naturais ou catástrofes.