Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Inauguración da Escultura A memoria do río do artista Fernando Casás

Inauguración da Escultura A memoria do río do artista Fernando Casás

Correo-e Imprimir PDF
O domingo día 12 de novembro de 2006 ás 13.00h. na pasarela peonil da Avda. de Bos Aires (fronte á Illa de Esculturas do Lérez) en Pontevedra e coa presenza do alcalde desta cidade Miguel Anxo Fernández Lores será inaugurado un conxunto escultórico do artista miñorán Fernando Casás.

Erguido en memoria das vítimas do franquismo e de tódolos mortos pola liberdade, inaugúrase o conxunto escultórico Memoria do Río. Formado por catro árbores tronzadas, fundidas en bronce, e outras tantas árbores naturais, é unha homenaxe ás voces caladas pola represión.

Ao matinar na realización dunha escultura sobre estes feitos, procurouse un artista cuxa creación se baseara no principio de que non hai estética sen ética e cuxa obra tivese unha connotación constante co ciclo da vida. Ese artista non podía ser outro que Fernando Casás, profesor de Escultura na Universidade de Vigo, que vive entre a Galiza e o Brasil. Considerado pola crítica especializada como un dos precursores dos movementos de Arte e Natureza, vén, dende mediados dos anos sesenta, desenvolvendo na e coa natureza unha obra de perfil marcadamente conceptual, xeralmente de carácter efémero, que busca evidenciar a vida paralela, os aspectos ocultos e non asumidos pola mirada civilizada.

A súa obra pública, innovadora canto ao diálogo entre elementos vivos e outros materiais, encóntrase en diferentes emprazamentos, como Santiago de Compostela (Praza Burgo das Nacións), Xerusalén (University Botanic Garden) ou Río de Xaneiro (Parque de Esculturas da Catacumba).

Neste momento unha mostra antolóxica da súa obra pode ser visitada na Sala de Exposicións Caixanova da cidade de Vigo, dentro da serie Grandes Artistas Galegos. Tamén está a participar na exposición colectiva Naturalmente Artificial no Museo Esteban Vicente de Arte Contemporáneo de Segovia.