O Rexurdimento foi o primeiro síntoma; arrancaba a segunda metade do XIX. Coa fundación de Irmandades da Fala (1916-1931) e Xeración Nós (1920-1936) queda definitivamente establecido nun grupo de profesionais e intelectuais galegos o apego á cultura e lingua propia, e a súa defensa. Entre ambos os dous límites, diversa sintomatoloxía; cito, por citar, a fundación en Tui, en 1891, da Asociación Regionalista Gallega, con Manuel Murguía como primeiro presidente. Este novo amañecer de ideario político e social impulsado prioritariamente dende as letras tivo tamén representantes na plástica, de discutida fortuna artística en moitos casos, e na arquitectura, non menos cuestionábeis.
O rexionalismo arquitectónico, a nivel xeral, pretendeu atopar un xeito de facer propio, distintivo, identitario e, tras intentalo con dedicación e tenacidade, ha de recoñecerse, poucas veces acadou achados que transcendesen na historia xeral desta disciplina; entre os contados casos que o conseguiron non se atopa Galicia, polo menos dende o meu punto de vista. No país créanse dúas correntes, ambas historicistas e preocupadas, case en exclusividade, por epidermes e volumetrías ou, o que ven sendo o mesmo, polas cuestións máis visuais da arquitectura. Tras asumir o románico e o barroco de placas compostelán como dous estilos identitarios, os arquitectos deciden botar man dos seus elementos formais e iconografías para extrapolalos ao século XX, así, dando unha pirueta no tempo, sen máis. Naquel intre, entendo, renunciouse a indagar nos conceptos básicos destes movementos o que, tras acoutar os valores máis notables, tería permitido poder reinterpretalos conforme correspondía ao pensamento, tecnoloxía e necesidades da época; algo crucial. Tampouco me consta, por exemplo, que se fixesen análises e investigacións dirixidas a dar cun hipotético espazo arquitectónico propiamente atlántico, como parecería lóxico proceder ante un posicionamento ideolóxico semellante.
Nun tempo no que pintores como Picasso, influenciado pola arte primitiva africana, pintaba a peza protocubista Les demoiselles d´Avignon (1907) e Theo van Doesburg e Mondrian formulaban o neoplasticismo (segunda década do XX); onde pintores, escultores e arquitectos como Moholy-Nagy, El Lissitzsky, Naum Gabo, Malevich, Rodchenko, Tatlin, e outros, ideaban o construtivismo e o suprematismo (tamén segunda década do XX); no que Adolf Loos equiparaba, a propósito da arquitectura, ornamento a delito (1910); onde o arquitecto Walter Gropius fundaba a Bauhaus (1919),..., e onde Le Corbusier e Mies van der Rohe definían o racionalismo arquitectónico (terceira década do XX); en Galicia rescatábanse alegremente formas de séculos pasados sen apenas sometelas a evolución.
¿Que as intencións artísticas dos creadores mencionados non encaixan co rexionalismo? Certo, aínda ben máis nuns casos que noutros. Non obstante, era coetáneo a todos os citados outro xenio: Frank Lloyd Wright. Este, que na primeira década do XX xa ideara e construíra a persoal serie "casas da pradaría", obras evolucionadas á vez que totalmente integradas no rural norteamericano, quizais podería achegarse, entendo, a un tipo de posicionamento filosófico-creativo a seguir por un movemento como o rexionalismo; inda que non nas formas. Pero, nin caso. Hai outros exemplos, tamén ignorados.
Paradoxalmente, o anacronismo temporal, con toda probabilidade, foi o que posibilitou que a burguesía, maioritariamente allea ao pensamento rexionalista, aceptase de moi bo grao esas presenzas, e as custease. Aínda hoxe persiste a tara, nun importante sector de poboación, de, renegando do tempo en que viven, encargar obras de arquitectura con presenza antiga nas formas. Solicitan o nacemento dunha criatura xa vella; un imposible. Pero isto é outra cuestión, volvamos ao carreiro.
Estou convencido de que só a extraordinaria capacidade creativa de arquitectos como Antonio Palacios e Manuel Gómez Román, representantes sobranceiros de cada unha das tendencias respectivamente, impediu que estas pezas anacrónicas, descontextualizadas no tempo, tamén fosen vulgares ou mesmo kitsch. Hoxe, case un século despois da primeira obra rexionalista construída en Galicia -casa consistorial do Porriño (1918/1924)-, estes edificios son testemuño das inquedanzas sociais, correntes de pensamento e manifestacións artísticas dunha época. O tempo suavízao todo, e, consecuentemente, cando agora vemos algunhas destas obras evitamos reflexionar sobre se foron nacidas a destempo; xa forman parte da paisaxe e como tal intentamos aprehender a súa travestida beleza.
No Val Miñor, é Nigrán o municipio con maior riqueza patrimonial neste eido, sen a máis mínima dúbida; concretamente o ámbito que dende Panxón, mesmo Monteferro, vai ata Monte Lourido e a Foz. Unha acumulación por metro cadrado difícil de igualar en Galicia. Unha riqueza clasificadora e única. Abundan exemplos das dúas tendencias, de distintas tipoloxías de uso, e asinadas, entre outros, polos arquitectos máis talentosos de cada unha delas. Xa me teño pronunciado noutras ocasións e medios respecto ao valor de testemuño e mesmo patrimonial que, a criterio persoal, posúen moitas destas pezas; hoxe reitéroo. Considero que as administracións, sorteando dificultades, poderían facer algo para preservar estes bens, cando menos no concernente aos exemplos máis senlleiros. Non sei..., ¿quizais catalogalos? ¿Difundir a súa existencia e características? ¿Protexelos, nalgún grao?. Nigrán está a tramitar o correspondente Plan Xeral de Ordenación Municipal, ¿non sería unha oportunidade? Pregunto.