Domingo, 10 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Percepcións dun introvertido AFINIDADES CROMÁTICAS (II)

AFINIDADES CROMÁTICAS (II)

Correo-e Imprimir PDF
Fragmento de paisaxe, dende a minha ventá, nun día de outono.

Na primeira entrega centrei o artigo nalgunhas percepcións miñas sobre a cuestión da cor nos obxectos, artefactos e obras propostas polo ser humano, e as consecuencias, ou non, que isto ten para a beleza; para algún tipo de beleza. Para o meu tipo. Nesta segunda entrega fixareime na cor da contorna natural desas obras; basicamente no mundo vexetal.

Poderiamos dicir que, a riqueza cromática da paisaxe natural tende a medrar na medida que o fai a proporción de vexetación que a habita e, non obstante, non sempre isto é totalmente certo. Explícome: segundo esta máxima, Galicia, xenericamente, debería ocupar un lugar de privilexio entre as máis importantes xeografías cromáticas e sen embargo, esta cuestión, eu percíboa así só puntualmente por culpa dunha política de repoboación forestal que non comparto. Non vou axuizar parámetros económicos -posiblemente a raíz deste problema- nin a repercusión que este feito tivo sobre o sotobosque, a fauna e tantos outros; só atenderei ás repercusións cromáticas e as súas, entendo, negativas consecuencias. Galicia, segundo podemos comprobar aínda en territorios de O Courel, O Cebreiro, Os Ancares, zonas de Lalín, de Celanova, da Limia, do Sil, e outros lugares, foi toda ela dona dunha variada vexetación arbórea, abundante en especies de folla caduca, propiciatoria para que o transito circular do tempo fose unha festa cromática baixo unha luz natural á que a propia vexetación arrancaba sabias presenzas. Galicia posuía un cromatismo identitario.

Centrémonos no Val do Miñor. A desmedida presenza de eucaliptos e piñeiros, entre outras especies, fai que vivamos afastados daquela cor propia e, por contra, rodeados dun perenne verde escuro que coa distancia mútase en azul agrisado. Así, todos os días do ano.  O ideario colectivo hai xa tempo que asumiu esta cor como propia destas terras e eu entendo que non o é; só, a actual. Dende a miña ventá podo contemplar unha ampla vista de Gondomar, Mañufe, Donas, Borreiros e parte de Baiona, pechada pola silueta que debuxa a Serra dá Groba, e de toda ela só se desmarca da descrición anterior un anémico fío que a suca de leste a oeste: a vexetación de ribeira que acompaña ao río Miñor. O Val, a día de hoxe, non é aquel extenso xardín que habería de mostrar unha orxía de amarelos, laranxas, vermellos e marróns, no outono; unha paleta de múltiples verdes pálidos, diferenciados por sutís tonalidades, na primavera; uns verdes potentes, escuros, arrimados a profundas sombras, no verán; e unhas escultóricas estruturas arbóreas núas, sen resistencia ao paso da luz, no inverno.

A luz natural en Galicia eu percíboa cincenta, misteriosa, con sombras botadas negras e de límites esvaídos, cansa; atlántica. Todo o contrario que a da Baía de Cádiz, por caso, onde, segundo puiden comprobar hai anos, é branca e cegadora, con sombras azuis  de límites aristados, alegre; mediterránea. Estas propiedades que sinto da luz, ao non ter ela compensación no manto vexetal que a recibe, fai que os meses escuros, arredor do solsticio de inverno, sexan por estas paraxes máis negros, melancólicos e opresivos do que debesen. O verde escuro é unha das cores que máis luz absorbe; que menos a rebota. Isto é o que propicia que, neses meses, as beiras destas densas masas forestais se perciban aínda máis nitidamente como espazos apagados, tristes, fríos, escuros; asfixiantes. Camiñar por un bosque de eucaliptos e piñeiros, dende unha perspectiva lumínica e, consecuentemente, atendendo a resultados anímicos, é moi distinto a facelo por outro de castiñeiros, bidueiros, salgueiros, faias e carballos. Tamén a camiñada será distinta a nivel cromático, oloroso, táctil, acústico... emotivo. Este bosque dotado da axeitada compensación de luz e cor, de vestimenta e nudez, este desexo do que estou a falar, sería o belo fondo dun escenario onde nós haberiamos de pousar, con moito máis coidado, mesura e modestia, do que se está a facer, as nosas sinxelas e discretas creacións.