Sábado, 12 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Opinión En defensa do Premio de Poesía Victoriano Taibo

En defensa do Premio de Poesía Victoriano Taibo

Correo-e Imprimir PDF
vt8

No ano 2007 o Instituto de Estudos Miñoranos decidiu que era tempo de recuperar a memoria do mestre galeguista, escritor, lingüista e académico Victoriano Taibo, inxustamente relegado a un recanto escuro do esquecemento. Como os vinte anos máis activos da súa vida transcorreron impartindo docencia en Morgadáns, acordamos confeccionar un anteproxecto de homenaxe e presentarllo ao presidente da Entidade Local menor da citada parroquia, Urbano Esmerode, cuxa sensibilidade percibiu inmediatamente a importancia da proposición e aceptou asumir o mecenado de todos os gastos inherentes á institución e mantemento do Premio de Poesía Victoriano Taibo, que levaría como apelido o engadido Entidade Local de Morgadáns. A principios do ano seguinte estivemos preparados para a convocatoria do I Premio, cuxa gala de entrega, en novembro de 2008, estivo arroupada por moitos outros actos nos que participaron un número  non pequeno de persoas vinculadas ao eido da cultura, ademais de moitísimos asistentes e espectadores; a presentación do poemario gañador estivo acompañada pola de de varios libros editados con motivo de tal evento: a reedición de Da Agra Aberta, contos e lendas, unha revista monográfica dedicada ao noso persoeiro e, nun só volume, a primeira publicación dos poemarios, ata aquel momento inéditos, Abicedo e Cabrinfollas, edición acometida pola editorial Follas Novas en edición ao coidado de Armando Requeixo. Un convenio asinado entre o IEM e a Entidade aseguraba a prórroga automática anual do compromiso se antes, cun mes de antelación, non era denunciado por ningunha das dúas partes. O Premio espertou, dende o primeiro momento, o interese dos poetas e da crítica, acadou sempre unha participación notable, comprendida entre os corenta e os cincuenta orixinais, e forneceu, ata o día de hoxe, o noso espazo cultural de nove importantes libros de poemas debidos á pluma e ao estro de dez poetas.

Este ano, coa anuencia do anterior presidente e dando por sentado que a correspondente prórroga do compromiso adquirido pola institución pública sería respectada calquera que fose o titular do goberno, procedemos a realizar as xestións pertinentes para levar a bo termo a oitava edición do devandito Premio; cando o xurado estaba a punto de declarar sobre quen recaía este ano o galardón, o novo presidente fíxonos saber que rompía unilateralmente o convenio e que non achegaría os recursos necesarios para outorgar o premio, editar o libro e xestionar o acto de entrega, faltando así a unha obriga contraída contractualmente. Ante a gravidade da situación da situación buscamos o amparo do concello de Gondomar que actuou de forma sensible, rápida  e eficaz para asegurar que o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo vise a luz.

Queda no aire a incerteza da súa continuidade, mais esperamos que a sensibilidade amosada no rescate da presente edición sexa fermento que faga medrar entre as administracións locais e comarcais a valoración dunha acción cultural como a que supón este certame literario, que é xa un referente de suma importancia entre poetas, escritores, críticos, lectores, xornalistas e un vasto etcétera, e consideren oportuna a súa definitiva consolidación.

É por todo isto que o próximo día 12 dos correntes, data do acto de entrega do VIII Premio, gustaríanos contar cunha nutrida asistencia que axude a visibilizar os valores que tratamos de salientar e a conveniencia de asumir o compromiso inmediato da súa permanencia, para o que agradeceriamos, e solicitamos expresamente, a vosa concorrencia.

Gondomar, decembro de 2015

Instituto de Estudos Miñoranos