Sábado, 11 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

O Foucellas

Correo-e Imprimir PDF

Lembranzas da miña infancia. Érache eu un rapaz de doce anos cando por mor de curar unha doenza, endémica naquel tempo da post-guerra, ingresáronme meus pais no sanatorio que os irmán La Calle tiñan na Estrada. Era o ano 1947 e seguín volvendo á Estrada polos veráns hata o ano 1952.

Foi nesa tempada cando tiven coñecemento das fazañas do “Foucellas”.  Chámolle fazañas porque coma tales as miraba eu pois comparábao cun personaxe moi nomeado e que saía nos periódicos de cotío, un italiano, seica da rexión napolitana, chamado Guliano e que tamén foi traizoado por un dos seus homes.

Verdadeiramente, a maior parte da xente contaba os feitos do “Foucellas” dándolle un aire de criminalidade, os menos, os entendían coma feitos de guerrilla contra o réxime franquista ou coma defensa da represión coa que os perseguiu e castigaba aquel réxime.

Así contaban o porque do loito que vestía un dos internados no Sanatorio pola morte dun irmán poñendo moito énfase na escabrosidade do feito:

O Foucellas presentouse na casa do seu pai, que era falanxista e alcalde dun pobo preto da Coruña, e saíra a abrir a porta un fillo que lle dixo que o pai non estaba, e o Foucellas díxolle que era igual e disparouno deixándoo morto.

Nunca cheguei a saber canto de verdade habería neste caso, pero é ben certo que a min, cos poucos anos que tiña, deixárame moi impresionado.

Habíache contos para tódolos gustos: Que nacera nun lugar do Morrazo preto de Cangas; Que tiña o pelo louro e rizado; Que chiscáballe un ollo; Que era mestre e o botaran da escola; Que……… Que sei eu cantos contos e mentiras.

Noutra ocasión, vivindo nunha casa da praza onde se facía un mercado de froitas e legumes , na cal no fronte había un caserón que ao parecer facía as veces de cadea na Estrada,;habíache un rebumbio de xente e unha parella da Garda Civil pondo respeto. A curiosidade lóxica de rapaz levoume querer saber que pasara, e escoitando o que falaba aquela xente, oín:

Que na noite anterior "O Foucellas" e a súa banda entraran na aldea de Codeseda e os veciños, dis que por medo, eu agora penso mais que por simpatía, agasallárono dándolle de cear.

A Garda Civil meteu na cadea e afeitoulle a cabeza a unha chea de mulleres que estiveran supostamente facéndolle a cea para que dixeran onde estaba ou para onde ía O Foucellas. E supoño que tamén as tangueron a modo.

A tardiña, ao porse o sol, saía a parella envoltos nas capas verdes e acompañados dun canciño palleiro que coido non había de ter moitas mañas de can policía, a facer a rolda da noite con medo de toparse co Foucellas, pois dicíase que mais dunha vez, recibiran un recado dicíndolle que os tivera no punto de mira e non lles quixo disparar.

Tamén dicíase que os provocaba avisándolles que tal día e a tal hora había de ir a un lugar – Café en Santiago de Compostela. Montaban o dispositivo para apresalo pero non daban con el. Despois descubrían que alí estivera, vestido de crego, pois deixaralle un recado escrito nun papel.

A Garda Civil destacara na Estrada a un capitán que paraba na Fonda da Viuda, onde tamén paraba eu nos derradeiros tempos que alí estiven, e que nas sobremesas contaba as reais ou supostas fazañas do Foucellas das que eu non perdía nin res e que eu asemellaba as do “Juan Centella” dos tebeos que léramos os rapaces. O colmo deste meu papanatismo ocorreu un día que o viñeron a chamar para darlle novas de onde localizaran a O Foucellas e foi en procura da moto con sidecar na que tiña montado unha metralleta e amosouma deixándome coa boca aberta.

No 1952, cando o prenderon e dis que por mor dunha traizón dun dos da súa banda, volveume a lembrar ao “Guliano” italiano.

Xa estudando para licenciado en dereito en Santiago de Compostela, tiven un compañeiro de Negreira que contaba que cando era rapaz O Foucellas entrara na casa e matara a seus pais e el conseguira fuxir pola fiestra da cociña axudado por unha criada. A el apadriñábao un coñecido falanxista que tiña un bo predio e mellor pasar co chamado Réxime, ao carón de Santiago e que fora moi amigo do seu defunto Pai.

Para aquel entón eu xa non era o rapaz que creese nos contos dos tebeos e sabía por no seu valor  as tristentas realidades que por aquela morea de anos aconteceron. 

Esta lembranza esta recollida nun anaco do escrito “Lembranzas dun Lazarillo - A MEU PAI.”