Venres, 6 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio Jose " O dos fígados esfarelados"

Jose " O dos fígados esfarelados"

Correo-e Imprimir PDF
Chamábanlle José porque daquela non se levaba falar o galego. El si falaba galego, máis ou menos, o que se falaba na bisbarra e sempre dicía a  pouco que se falase con el, que tiña “os fígados esfarelados”. 

Non se sabe por que tiña os fígados esfarelados pero o certo é que se queixaba de que non lle daban “o suisidio” e cando reclamaba o subsidio algún dereito habería de ter a el por ter enfermado no cuartel ao facer a “mili” ou noutro oficio ou traballo do que nunca falou.

El reclamábao no Concello de Gondomar pero dicía que non lle facían caso.

Cando lle preguntabas con quen falaba no Concello e lle nomeabas a algún empregado, como era o caso de Luísa Alonso, a resposta era sempre a mesma:  

    -“Bo, esa estache alí a darlle as mans”  

O que efectivamente facía pois era mecanógrafa.  

E a resposta érache do mesmo xeito por calquera que lle preguntases. Ninguén lle facía caso. 

Era un home alto e forte, levaba a cachola rapada, vestía roupa usada pero non farrapenta, andaba descalzo como andaba a maior parte da xente do campo ou do mar, e tiña os pes feridos polo talón por mor de que se lle abrían as durezas dos callos. A fasquía non era mala. 

Seica vivía para cima de Gondomar, en ¿Chaín ou en Couso?. Non se sabe. Pero baixaba a miúdo a Ramallosa e sobre todo no verán a Praia América. 

Non estaba moi contento cos “señoritos” da Praia América pois queixábase do pouco que xuntaba coas esmolas que lle daban e comentaba alá pola tardiña cando xa o sol se agachara detrás das illa Estelas:  

    -“¡Danme unha perra! ¡Se me desen unha peseta!” Falaba das moedas que cursaban entón. 

E non quedaba aí a cousa pois engadía:  

    -“Este domingo xuntei ….. E total ¿que?. Merquei un bocadillo de queixo e marmelo para comer e deille dous reais aos xitanos e alá se foron”. 

Como lle dixeses que se era así ¿como lle daba dous reais a os xitanos? puña unha faciana máis de noxo que de pena e contestaba: 

     -“Bo, ¡déronme pena!. 

Pero a teima de José érache o mal que estaba.  

   -“Andaban os bechos a comer nel e tiña os fígados esfarelados e ninguén lle facía caso para que lle desen o suisidio”. 

Algo de certo había de haber no que dicía José, pois axudado por non se sabe quen, nin que palillos houbo de tanguer, nin en que Organismo se fixo, pero o caso é que o José conseguiu que lle recoñecesen e desen o tal reclamado “suisidio”. 

Tamén parece que acadou unha boa morea de cartos polos atrasos que tiña que cobrar. 

Tampouco se soubo se conseguira botar fóra os bechos que lle tiñan “os fígados esfarelados” pois non se volveu ver pola bisbarra. 
 

      
Con agradecemento a Miguel Anxo Mouriño por correxir este esrito para axeitalo a nova normativa Galega.