Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Cristo Loureiro

Correo-e Imprimir PDF
O tranvía Vigo-Baiona. Foto IEM

Chamábanlle “Cristo” ou “Cristo Loureiro” e non se sabe o motivo ou a razón d’este alcuño.

Era un tipo moi pintureiro, moi fachendoso e coidado de si. Para presumir entre as mozas afeitábase as entradas do pelo da cabeza para semellarse ao galán do cine Charles Boyer que estaba moi de moda.

Tiña un nariz aquilino e un queixo afiado que apuntaba cara ao nariz, e entre ambos, uns beizos finos que espallaban cuspiñazos -“perdigóns” de saliva- ao falar. Ía ben vestido, á moda, no verán con camisa, pantalóns e zapatos brancos parecía un oficial da mariña que era o que se  levaba naquel entón. 

Tentaba seguir as mañas do “Carpas” ou do “Latas” que ían cara ao “Pabellón Azul”, o “Pavillón Blue”, de Praia América onde viñan pasar uns días uns grupos de alemáns traídos por unha axencia de viaxes.

Alí fartábanse de beber cos homes, e tamén coas mulleres. Os primeiros acababan bébedos e as mulleres “alegres”.

Eles quedaban a “durmir a mona” e elas marchaban para a praia ou para onde fose a botar “un canivete”.

 

“Cristo Loureiro” era máis afeccionado a conquistar e ter romances por iso tiña máis tendencia a buscar os “chollos” entre as mozas que pasaban as vacacións na Residencia de Patos que xestionaba non sei se “Educación y Descanso” ou os “Sindicatos Verticales”, de calquera xeito era unha Residencia controlada por algún organismo do “Glorioso Movimiento”.

El tamén traballaba nun deses organismos, puidera ser o Instituto Nacional de Previsión, por iso deberíase encontrar máis no seu ambiente e sempre podería arrancar un “ligue”.

 

“Cristos Loureiro” érache tan fachendoso que por presumir de home importante, de xefe imprescindible, botaba a lingua de paseo e falaba dándose moito bombo que tiña que ir a Madrid para resolver asuntos de moita importancia.

Entón armado dunha ben vistosa maleta collía un tranvia cara a Vigo, claro está nas horas que máis xente viaxaba para facerse ver, e agachábase ao chegar a Vigo pra que non o visen, e voltaba  no derradeiro tranvía, tamén ás agachadas, e ao amparo da noite metíase na casa e pechábase para que ninguén o vise ata que pasasen os días que dixera ía estar en Madrid para resolver non se sabe que asunto, pero sempre era moi importante.

 

O día que sinalaba para volver de facer tan importante xestión en Madrid facía o camiño á inversa. Collía o primeiro tranvía cara a Vigo, pero o que si lle era máis difícil o agacharse, pois a esa hora ese tranvia collíano moita xente cara aos seus traballos na bisbarra de  Vigo. Despois voltaba nun tren de media tarde, o tren de Madrid naquel tempo tiña a chegada á unha e media do mediodia, e claro, xa viña presumindo cos contos do que lle pasara na Capital.

 

Claro que todo este “trampitán” que montaba o “Cristos Loureiro” érache ben coñecido e comentado, pois aos tranviarios que miraban todos estes ires e vires non deixaban de falalo, discretamente ou mortos coa risa.

O que máis, un que se llamaba Rotilio que inda que era un home moi serio e calado, pero que tiña moita sorna, e érache o mellor condutor de tranvías que habia no entón e o xefe da estación de Coruxo que era o responsabel de organizar o tráfico e que se axeitase ao horario marcado, botaba man del facendo que cambiase dun tren para outro nas estaciós de cruce de trens, porque era o único tranviario que era capaz de sacarlle aos trens todo o rendimento, claro que os viaxeiros por veces alporizábanse do medo que daba con aquelas velocidades ás que facía ir o tren.

Isto ocorría con moita frecuencia pois as restricións eléctricas estaban á orde do día e non só iso, e que sempre faltaba o suministro e a Gallega de Electricidad botáballe sempre a culpa a que fallara a central do Tambre ou que As Conchas inda non esta en servicio.

Esta situación levou a Tranvías Eléctricos de Vigo a instalar dous xeradores eléctricos situados un na Estación de Coruxo  e outro na Estación de Panxón. Pero o Rotilio non era a única testemuña destes “affaires” do “Cristos Loureiro” pois case todos os tranviarios espreitaron e eran sabedores, ao igual que moitos dos viaxeiros, destas manobras.

 

Con agradecemento a Miguel Anxo Mouriño por correxir este esrito para axeitalo a nova normativa Galega.