Martes, 4 Aug. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio José “O Portugués”

José “O Portugués”

Correo-e Imprimir PDF
Ponte da Ramallosa. Foto IEM
Non se sabe a ciencia certa cando apareceu na Ramallosa pero alí estivo ata que morreu.
Sábese que era portugués pola fala. Dicíase, ou se dixo, que tivera problemas coa policía ou coas autoridades do seu país, pero todo quedaba niso, suposicións, porque José xamais falou ou comentou por que viñera á Ramallosa. Ademais por aquelas datas habíache un Cabo da Garda Civil en Baiona, parés que se chamaba o Cabo Pena, que non se lle pasaba unha, e bo era para que esa fora unha de elas.

José tiña fasquía de haberes sido un home forte pois a pesar dos anos, e deberan ser xa moitos, e de estar eivado pola reuma que o tiña coxo de vez, aínda gardaba o xeito dun home alto e grande.

Tamén a súa cachola colorada por un pelo que ía tendo mais de branco que de preto e rapaba de cando en vez sen deixar que crecera moito, a barba que tamén coidaba do mesmo xeito, e a faciana sorrinte e tranquila, facíalle unha agradábel figura que asemellábase a algún dos homes que se amosan retratados polo pintor Velázquez.
O rapa barbas é de supoñer que fora o barbeiro Felix Galan que tiña a barbería na estrada de Gondomar xusto fronte da Praza de abastos, pois era nese lugar onde Xosé pasaba a maior parte do tempo por non dicir que todo o tempo.

Sempre ía cuberto. Cubríase cunha gorra de viseira de pano que por entón non se levaba moito. Levábase mais a gorra. Sómentes retiraba a viseira cando agradecía unha esmola ou saudaba a alguén que lle merecía respecto.
Axudábase para camiñar, o pouco que camiñaba, dun pau que facíalle as veces de bastón e que o fixera dunha ponla de árbore; así que era gordo no cabo que apoia no chan e fino de máis onde facía unha gaia tan pequena que daba a impresión de que non lle tiña acougo para a man e soster o peso de tan grande corpo.

Sentábase no peitoril da estrada, ao carón da entrada da Praza de abastos, á espera das esmolas que a xente que entraba ou saia de comprar poideran darlle. Seica eses eran todos o seus ingresos.

Tamén por veces, as tardes cando estaba pechada a Praza de abastos, ía camiñando a modiño non moito máis alá da Ponte nova e sentábase no peitoril da estrada que vai cara a Baiona ao carón da casa de Manolo o do “Relleno”.

Poucas veces, ven poucas, se achegaba á Estación do Tranvía a sentarse nos bancos que alí había.
Cando non ía tan lonxe, sentábase tamén no peitoril da estrada que vaia a Gondomar, preto da porta do bar Galicia, xusto detrás de onde ferraban o gando e tamén daba á eira dos “Roade” onde mallaban os feixóns e na que as noites do verán celebrábanse os títeres, se os había.

O cursidoso é que sempre se sentaba dando a espalda á natureza. Se estaba sentado na Praza de abastos, non ollaba para o río por ver si subira a marea e estaba alta ou si pola contra estaba baixa. Se estaba sentado preto da casa de Manolo o “Relleno" ou na estación dos Tranvías non ollaba por veres as postas do sol que se agachaba detrás do monte de Lourido.

Sempre estaba expreitando para xente que pasaba dun lado para, outro seica co gallo de que non esqueceran de darlle unha esmola ou que lle botaran unha parrafada pois debería atoparse moi só.

Era fumador, e agradecía que alguén lle ofrecera un pito que entón era como un tesouro, porque o que se levaba era aproveitar as "colillas". Un señor que tiña a casa no alto da Romana, moi fumador, que liaba os pitos cunha maquiniña e os enchía coa picadura de tabaco, a máis das veces da marca Gener que lle viña de Cuba de estraperlo, separaba o relo de facer os pitos e algún deles que saía mal feito, mandaba ás fillas a levarllos a José que reloucaba coa ledicia.

Á noitiña recollíase nun local que había detrás da Praza de abastos, que seica facía á vez de retretes. Daba ao rio e non era o sitio mais axeitado para as súas doenzas pois cando subía a marea ou chovía aquel cochizo asulagábase. As brétemas, que por veces perduraban todo o día, e a humidade deberían metérselle hata os osos e alporizaríalle o reuma a tope.

Probiño! Así viviu hasta que finou.

Por certo que fai pouco foi reformada a tal Praza de abastos e é de supoñer que o arranxo do interior quedase ben feito. O que é por fora eche un dos "feismos" que deixou o alcalde de Nigrán Alfredo Rodriguez. A estructura do edificio era con cemento "cara vista" e non daba "o cante", pero coa reforma pintárona de amarelo, como o das sinais das estradas, e cunha bamba no tellado azul.

Os que queiran fotografiar a ponte Romana nos lles queda outra que levar tamen de recordo, como fondo da vista, o "feismo" da Praza de abastos.