Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion MeRZ MeRZ 2

MeRZ 2

Correo-e Imprimir PDF

O máis sinxelo é o máis difícil, o universal o máis duradeiro, o máis recto o máis forte, como as pilastras que sosteñen a cúpula ( Carl Nielsen). Respectemos as realizacións sinxelas, lixeiras, mínimas. Non, non as fai o teu fillo, porque, malia a súa aparencia, son precisamente as que mais tempo de reflexión previo e inventiva requiren. Hai moito, na noite dos tempos, alguén, só ou en boa compañía, desenvolveu un artificio redondo que permitía desprazar grandes cargas co mínimo esforzo. Vémolo, agora, como algo moi fácil e sinxelo, pero podémolo supoñer como froito dunha longa reflexión e meditación. Iso si, sen medo a errar, afirmamos que foi imaxinado e construído polo fillo, curioso, esperto e xa crecidiño, de alguén.  Os poetas son lexisladores, non recoñecidos, do mundo (Shelley). A evolución da especie humana aliméntase basicamente dos pulos, ideas, pensamentos e invencións que xorden dunha idea de traballo, tanto individual como colectivo, realizado por pracer e de balde, sen esperar, en troques, outra cousa que o goce do mesmo traballo, a maxia dos resultados dun experimento, invención ou descubrimento ou, como moito, a distante e sempre azarosa posibilidade duns cartos futuros. Das obras literarias mais afamadas ata as teorías sobre a configuración do universo, da roda á imprenta, dos primeiros motores ás formulacións mais radicais da filosofía social e o pensamento, o noso mundo, todo o que decote atopamos e do que nos servimos, está baseado na evolución e desenvolvemento destas e outras ideas xerminais. Esta noción dunha labor intimamente liberadora, socialmente útil e non remunerada,  posúe o valor, o peso e a densidade da poesía, e como tal, aínda enfrontada a lóxica desconfianza do poder político, inspira, no fondo, un alto grado de respecto, pois, instintivamente, sabemos que, concibida seriamente como coñecemento, experimento ou xogo, esta idea do traballo convértese nun feliz antídoto contra a ignorancia e o embrutecemento, xeradores de escravitude. A felicidade non é un ideal da razón senón da imaxinación (Kant). Despois da inauguración da excelente mostra, modelo de contención e sinxeleza constructivas, que o escultor Enrique Conde presentou na Aula de Cultura Ponte de Rosas, fomos cear e tomar unhas copas por Gondomar. Rematamos a noite nunha discoteca onde a mestura, volume e densidade dos efectos sonoros e luminosos producían unha saturación extrema. O exceso ten un gran atractivo que se esgota no seu propio presente. Só conquistamos o tempo cando somos capaces de reducir a experiencia a unha mínima presenza, a un simple xesto, a unha ecuación poética. A nova partícula elemental (N. Asterisco 3245) posúe unha vida relativamente máis longa que outras partículas coñecidas, aínda que só alcanza a unha milésima de millonésima de millonésima de millonésima de segundo (Le Monde, 7-7-1966).   Hai uns anos, diante dun pequeno e escuro cuarto de Fez (Marrocos), situado baixo o nivel da rúa, detívenme para observar a un zapateiro remendafoles. Na parede, xunto ao omnipresente retrato do rei Hassan II, había outro, do mesmo tamaño e co mesmo marco, que me resultou familiar. Pasaron algúns días de viaxe antes de que puidera recoñecelo. Era A.C. Lendoiro, presidente do Deportivo da Coruña. A patafísica, inventada polo escritor francés Raymond Roussel a principios do século XX, é a ciencia que se ocupa das excepcións.