Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Desde a Paraguda Axudádeme a cantar

Axudádeme a cantar

Correo-e Imprimir PDF
marta dacosta

Axúdame compañeira,

compañeiriña leale,

axúdame compañeira,

non me deixes quedar male

O pasado domingo día 22, o CCV de Peitieiros, en colaboración coa Comisión de Festas, organizou o I Serán en homenaxe ás pandeireteiras, unha actividade coa que se quería celebrar o Día internacional da muller. Velaquí as razóns que explican a actividade.

Hoxe as mulleres e as pandeiretas marcan o ritmo e ocupan o escenario, mais non sempre foi así. Os propios instrumentos de que as pandeireteiras se acompañan fálannos de cantos que nacían no ámbito doméstico e que non eran os protagonistas das festas.

Mais o certo é que as pandeireteiras representan a importancia do papel da muller na transmisión da nosa música en particular e da nosa cultura en xeral, por iso merecen ser aínda máis visibilizadas, por iso cómpre darlles o protagonismo que lles corresponde.

Porque elas, as mulleres, acompañaron a súa vida e os diferentes labores que sempre lles corresponderon cantando e para iso se acompañaron das pandeiretas e, cando non, de latas de pemento, culleres, pratos... materiais domésticos, ou mesmo de instrumentos de labor coma os sachos. Sempre buscando o ritmo que acompañase as súas coplas, esas en que a nosa lingua ía manténdose viva e transmitíndose, tamén. Porque as cantareiras, como todas as mulleres, son tamén as depositarias do legado da lingua e, todas elas, alicerces sobre os que se sostivo a tradición literaria, oral, que mantivo vivo o noso idioma até traelo até nós despois de séculos de escuridade.

Mais non foi até as últimas décadas do século XX que os cantares das pandeireteiras comezaron ocupar os escenarios. Naquela altura, diversos grupos e persoas comezaban interpretar pezas que foran recoller polas aldeas e así se iniciou un labor de difusión e de conservación da nosa música popular en que aínda é necesario profundar. Un labor que convertía en protagonistas as tocadoras de pandeireta e o seu xeito de cantar, mulleres que non tiveran aínda a proxección acadada xa por gaiteiros ou formacións tradicionais.

Entre 1989 e 1991, as voces de Leilía e Mercedes Peón graváronse nas nosas memorias e chamaron a nosa atención sobre a música cantada tradicionalmente polas mulleres. Aínda podo lembrar as súas actuacións na praza de Quintana, no Festival Cidade Vella. Elas levaron aos escenarios as pezas que recollían e comezamos a querer escoitar máis, saber máis, aprender máis. Todas elas procedían de asociacións musicais de base como Cantigas e Agarimos ou Xacarandaina.

Antes delas, as pandeireteiras de Mens e as de Buxán tiveran unha proxección que ía máis alá do “doméstico”, chegando mesmo aos escenarios. No caso das de Mens, foi da man de Manuel Cajaraville, quen despois de andar polo mundo, veu descubrir na casa as impresionantes voces das Pandeireteiras de Mens, como recolle Xurxo Souto nos Contos da Coruña. O integrante de Milladoiro, X. Ferreirós, afirma: “…, as pandeireteiras de Buxán no Concello de Rois ou as pandeireteiras de Mens. Ninguén se fixaba nelas e mesmo parte do público avergoñábase diso. Foi entón cando ao grabar “Galicia no país das marabillas” pensamos nunha incursión nese campo. Coas Pandeireteiras de Mens fixemos os concertos do décimo aniversario do grupo e resultou moi atraínte…tanto que anos despois moitos outros músicos galegos retomaron a nosa incursión e, mesmo xa hai discos de pandeireteiras como é o caso das Leilía”

Guillerme Ignacio dá conta tamén das actuacións das Pandeireteiras de Buxán (Rois) na romaría do Santiagiño do Monte de Padrón, xa nos anos 60. Segundo lle relatou un dos integrantes do grupo, o Señor Paco do Ghrilo “ no ano 62, cando a mocidade aínda facía xuntas e foleadas na parroquia, foron reclamados pola comisión de festas desta romaría para "amenizala". E así foi como naceu, posiblemente, o primeiro grupo de Pandereteiras da nosa terra Ademais de ir tocar durante uns quince anos seguidos ao Santiaghiño, no 63 participaron en Vilalba nunha homenaxe organizada polo mesmísimo Rei de Viana ao mesmísimo Fraga Iribarne...”

Mais a realidade é que, os casos das Pandeireteiras de Mens e de Buxán son excepción nun relato en que as pandeireteiras a penas son personaxes secundarias, mozas que tiñan a responsabilidade de organizar o serán da súa aldea. “Elas eran as responsábeis de buscar o lugar e acondicionalo, e de pagar a escote o “carbure”. As mozas só podían asistir ao serán da súa aldea, eran os mozos os que ían de serán en serán, sen poñer un peso”, cóntame Guillerme Ignacio.

Arriba pandeiro roto,

abaixo manta mollada,

onde estean as mulleres,

os homes non valen nada.

En que momento se cantou por primeira vez esta copla? Imaxino un serán en que mozas e mozos rivalizan, imaxino que unha delas ergue a voz e a pandeireta, e que o mantón húmido do camiño e o traballo fica tirado nun canto. O serán xa comezara e, despois das primeiras coplas, fíxose evidente o desafío. Ela debeu dar un paso adiante e botou esta estrofa, mirando cara aos mozos, que, talvez, acababan de dicir que non hai festa sen gaiteiro.

Queda moito por facer no ámbito da música tradicional. Aínda cómpre seguir recollendo e estudando a nosa tradición. Cómpre tamén investigar e escribir, deixar constancia da importancia da nosa música, da nosa capacidade criadora, da nosa singularidade, deixando testemuña das e dos seus protagonistas: o pobo creador. E nese camiño, todas e todos podemos achegar algo, ás veces tan pequeno, ou non, como organizar un serán en que as pandeireteiras sexan as protagonistas (I Serán de Peitieiros Gondomar), porque tamén na música cómpre darlle ás mulleres o espazo que lles corresponde, visibilizar o seu labor, incluílas na historia.

Axudádeme a cantar,

mozas da miña aldea,

axudádeme a cantar

que estamos … na nosa terra.

Marta Dacosta, marzo de 2015.