Mércores, 9 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Desde a Paraguda Ilóxico, baleiro, incoherente, ilegal.

Ilóxico, baleiro, incoherente, ilegal.

Correo-e Imprimir PDF
Marta Dacosta

 

Estes son algúns dos cualificativos que podemos atopar para o Decreto 79/2010 nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que este xoves se facían públicas. Trátase das sentenzas a tres recursos presentados pola Plataforma Queremos Galego, a CIG-Ensino e a A Mesa pola Normalización Lingüística.

A estas alturas xa todos e todas sabemos que as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulan dous dos piares esenciais do goberno do PP para impor a súa política lingüística: a consulta vinculante aos pais e nais en Infantil e a liberdade de elección de lingua nas aulas por parte do alumnado. Mais tamén é importante a forma en que se argumentan tales anulacións e outras deliberacións que contén a sentenza.

Cando lemos o razoamento que leva á anulación do artigo 5º, o que recolle que a lingua na Educación Infantil se establecerá en base ao que resulte dunha consulta vinculante ás familias, temos a sensación de que, con termos xurídicos, a Consellaría leva co vimbio nas pernas, uns boureazos ben fortes, por certo. O Tribunal elixe a palabra “abdicar” para cualificar o feito pola Consellaría, sinalando así que foron neglixentes e fixeron deixación das funcións que lles son propias, como é regular o uso da lingua nesta etapa. Algo que outras consideramos que foi intencionado, a escusa perfecta. Denunciamos no seu día, e comprobouse despois, que a consulta, na que por certo se gastaron inxentes cantidades de diñeiro, era a táctica do PP para deixar o galego fóra da aula e manter moitos cativos de contornos castelán falantes sen contacto co noso idioma até os seis anos ou castelanizar os cativos de contornos galego falantes. O TSXG chega dicir que o artigo na redacción imposta pola Consellaría de Educación “vulnera a configuración do dereito fundamental á educación… posto que os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración, neste caso educativa, non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua na etapa de educación infantil”

Canto ao artigo 12.3., que recolle que o alumnado poderá usar a lingua da súa preferencia na aula, o TSXG anúlao en base á Lei de Normalización Lingüística e á necesidade de procurar a progresividade no coñecemento do noso idioma, partindo sempre, di a sentenza, de que con carácter xeral a lingua de comunicación no ensino non universitario é o galego: “Desde o momento en que, segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario, o mencionado artigo 12.3 é ilegal, ao deixar liberdade ao alumnado para utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia”. E o interese desta argumentación non só está no feito de recoller a ilegalidade do artigo, senón en que fixa a interpretación de que o vehículo de comunicación no ensino será con carácter xeral a lingua galega.

E aínda máis, na anulación deste artigo a sentenza considera incoherente o feito de que no parágrafo seguinte se recolla a recomendación de que se procurará que se use a lingua en que a materia é impartida, unha recomendación que, ao non ter carácter imperativo, “acaba sendo unha proclamación baleira”. Cantas veces non teremos falado de que determinados aspectos da lexislación son papel mollado que acaba por non concretarse nunca.

Ao ler a sentenza cómpre deterse nalgúns parágrafos significativos. Eu elixo concretamente aquel en que se fai referencia a outra sentenza do Tribunal Supremo de outubro de 2010 na que se recolle que lle corresponde ás autoridades educativas fixar a proporción das linguas “de modo que crese que o obxectivo de normalización lingüística estivese xa conseguido… e se, pola contra, se estimase a existencia dun déficit nese proceso de normalización en detrimento da lingua propia”” da Comunidade Autónoma, deberíase outorgarlle a esta un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable.”

Si, exactamente iso, de apreciar que a nosa lingua ten unha situación deficitaria no seu uso, cumpriría darlle un trato diferenciado. E isto dío unha sentenza do TSXG. Estará o tribunal impoñendo o galego? Que pensará o presidente en funcións cando o lea? Porque debe lelo, lelo máis dunha vez, aprendelo, practicalo (no modelo da escola que eles defenden, copialo mil veces e aprender a sentenza de memoria).

Mais mentres que derroguen o decreto, que recuperen o consenso do Plan Xeral, ese que o que quere ser investido presidente votou favorabelmente e que o TSXG “comprende” que sexa citado polos recorrentes, malia non ter rango normativo.

Marta Dacosta, 23 de novembro de 2012