Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Despachos

Correo-e Imprimir PDF

O estrambótico Mourinho xustificou a eliminación da Copa de Europa, como lle dicían nos meus tempos mozos, e quedar segundo no campionato aducindo que o Barça pasou á final e gañou a Liga nos despachos. Era o último foguete dunha abastada serie de insinuacións, medias verdades e falsidades enteiras, supoño que consentidas pola directiva do club, para deslexitimar os triunfos do contrario. E todo por non querer recoñecer que o “outro” foi mellor sobre o terreo de xogo que é onde se dirimen estes asuntos. Iso si coas súas “boutade”, aquí empregamos verbas menos finas, e as súas estrafalarias “misse en scene” convenceu a moitos e excitou o espírito patriótico dos seareiros madridistas.

Os dirixentes populares andan a empregar razoamentos semellantes nesta campaña electoral. Algún deles, Feijoo por exemplo, ten afirmado que os alcaldes que gobernan en coalición  foron elixidos nos despachos. A verdade tampouco é de estrañar pois segundo fontes ben informadas o Mourinho seguiu con moita atención  a táctica das “insinuacións, medias verdades e falsidades enteiras” empregada polo adestrador dos Peares para chegar á presidencia. Todo para non recoñecer que, por exemplo, de 17 concelleiros, nove son máis que oito, e sobre todo para non admitir que a dereita española ten moitas dificultades para entenderse con alguén agás coas “marcas brancas” que empregan de cando en vez nas eleccións locais ou en casos extraordinarios como no País Vasco, onde agora van quedar “fora de xogo”

A guinda ao pastel púxolla o seu xefe de filas co anunciou de que, cando goberne, se chega alá, modificará a lei para permitir que goberne a lista máis votada. Supoñamos: nun concello, A ten o 35% dos votos, B o 33% e C o 32%. Así que gobernaría A aínda que os outros dous puidesen chegar a acordo e gobernar co apoio do 65% dos votantes. Moi democrático, si señor. E dino ademais sabendo que non van facer tal modificación,  mais do que se trata é de excitar o espírito patriótico dos seus seareiros.

O problema é que para moitos sectores da dereita española a democracia non é máis que unha “defensa” á que hai que “canear” para chegar ao poder.