Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo Sobre a propiedade absoluta

Sobre a propiedade absoluta

Correo-e Imprimir PDF

O concepto de propiedade variou moito ao longo da historia. Mesmo houbo tempos nos que os seres humanos podían ser propiedade doutros seres humanos e ao mesmísimo Aristóteles semelláballe do máis razoable. Durante séculos a propiedade estivo vinculada a unha institución, fose esta unha abadía, un título de nobreza ou outros entes xurisdicionais. A revolución agraria de comezos do XIX e o seu corolario que coñecemos como revolución industrial empurrou con forza o concepto de propiedade privada capitalista.

Adam Smith pontificou sobre o asunto no seu “Sobre a riqueza das nacións...”. Impúñase así o concepto de “propiedade privada absoluta”, fose esta da terra, da fábrica ou do capital. A sociedade reaccionou e o movemento obreiro, protagonista da corrección do capitalismo salvaxe, impuxo profundas limitacións ao concepto de propiedade absoluta, nomeadamente no período posterior á segunda guerra mundial. A crise da fin do século pasado deu azos de novo ás ideas do absolutismo privado que chamamos “neoliberalismo”. Aínda así hoxe todo o mundo sabe que non pode facer na súa leira o que queira, que non pode pechar a súa fábrica cando lle pete ou admite que as construcións deben estar limitadas a uns espazos e mesmo cunhas tipoloxías determinadas.

Claro que nesta terra cunha revolución agraria e industrial feble, corenta anos de facer o que lle dese a  gana ao propietario e trinta de “ti vai facendo” prendeu con forza a idea absolutista da propiedade e introduciuse mesmo naquelas, escasas propiedades, vinculadas a xurisdicións como é o caso das Comunidades de Montes Veciñais que empregan como principal argumento que eles son propietarias do monte para apoiar a instalación dun parque eólico.

Na práctica as Comunidades de Montes non son máis que asociacións privadas xestionadas por asembleas e directivas nas que participan moi escasos socios-propietarios do mesmo xeito que calquera sociedade particular ten asembleas e socios. Só unha diferenza, o exercicio de propiedade sobre o monte comunal, e unha limitación que os veciños/as non teñen sufraxio universal, só votan as casas e non as persoas, e ademais non é automático o tal sufraxio, os veciños e veciñas teñen que inscribirse e non é suficiente o estar censado na parroquia e concello correspondente.

A directiva dunha comunidade de montes ou dunha coordinadora de comunidades de montes teñen tanto dereito a opinar sobre tal ou cal cousa como unha asociación de gourmets ou unha federación das mesma. Teñen un dereito de propiedade sobre o monte tal e como os gourmets o teñen sobre as instalacións e recursos da súa propiedade. E ambas sociedades deben saber que coas súas propiedades non poden facer o que queiran. Polo que darlle dez alturas ao club privado dos amantes do bacallau ten que contar coa correspondente autorización do concello o mesmo que a autorización dun parque eólico no monte propiedade de tal comunidade ten que ter autorización da administración correspondente. E logo entramos na valoración dos asuntos e moitos pensamos que un parque eólico na “liña do ceo” da Groba é unha animalada, o mesmo que outro na liña do mar entre Baiona e A Guarda ou unha macropiscifactoría en Corrubedo ou autorizar as canteiras no Courel. Entramos pois no debate político, na tensión de forzas e na mobilización social. Parece pobre responder cun simple “aquí fago o que quero porque isto é meu”, porque non o é, é de todos, do mesmo xeito que a miña finca é miña, pero non podo facer un edificio de dez alturas.

Os problemas dos montes Comunais teñen que ter outras solucións. Seguro que as hai.