Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Contradiscurso O futuro do naval

O futuro do naval

Correo-e Imprimir PDF
Xabier P. Igrexas

Foron días, estes últimos, de pomposos anuncios en relación á construción naval galega. Feijóo anunciou publicamente un acordo coa petroleira mexicana PEMEX para a construción de 14 buques remolcadores. Só 7 se realizarán nas gradas de estaleiros galegos. A outra metade será construída por empresas mexicanas en colaboración con galegas. O Presidente da Xunta, cheo de euforia, anunciou que estes contratos estimados en arredor de 250 millóns de euros poderían criar até 2.500 empregos. O BNG reduciu esa previsión a un máximo de 2.000 dado que non se trata de barcos de gran tamaño. Sexa como for, só na Ría de Vigo nos últimos anos se destruíron 8.000 postos de traballo, como resultado do esmorecemento de 200 empresas auxiliares e o peche de dous dos tres estaleiros. Cabe pois relativizar o anuncio, que polo momento é só propaganda, fastuosa propaganda. Os contratos inda non están asinados e descoñécese que empresas galegas asumirán os encargos.

Por outra banda, case en paralelo, Xunta e Goberno Central anunciaban publicamente a remisión a Bruxelas dunha alternativa 'definitiva' ao tax lease. Apenas nada ten transcendido agás que se trataría dun paquete de medidas deseñado para esquivar o bloqueo comunitario e que suporía a modificación do imposto de sociedades. O novo tax lease español non requiriría do plácet da UE, segundo afirmaron desde Madrid, e podería entrar en vigor en poucos meses.

Achámonos perante a solución dos graves problemas que afectaban, e afectan, ao sector naval galego? Non. Como moito ambos anuncios, de se verificar definitivamente, contribuirán a desbloquear a contratación. Persisten algúns interrogantes importantes. Como o do financiamento, hoxe máis complexo e difícil por mor do espolio do aforro galego coa bancarización das caixas e a ausencia dunha banca pública galega.

Non se pode perder de vista tampouco a responsabilidade empresarial nesta situación. Hai ben poucos anos os estaleiros rexistraban unha importante carga de traballo. Porén, os beneficios pareceron esvaerse -resultado da súa máis que discutíbel xestión- e afundiron boa parte da industria auxiliar, por mor da falla nos pagamentos. Tampouco podemos obviar que non se resolve a situación do sector en Ferrol-Terra, dado que se mantén o inxusto veto da UE que impide a construción naval civil nesa bisbarra.

O conselleiro Javier Guerra preguntábase cinicamente hai uns dúas que máis podía facer a Xunta polo sector. A resposta é ben doada. O primeiro, para empezar, é que o goberno galego exerza de tal asumindo o seu papel e responsabilidade na tarefa de avanzar cara unha economía autocentrada. E iso esixe actuar de xeito decidido para desenvolver as nosas potencialidades produtivas, non só exercer de mero axente comercial cara a galería.

Nin o contrato con PEMEX nin o novo tax lease son garantía de futuro para un sector produtivo chave para o noso país. A iniciativa empresarial privada tense demostrado incapaz de o consolidar e afianzar, a pesar da inxente bonificación fiscal para aseguraren os seus gaños. Faise ineludíbel e urxente o despregue de políticas públicas activas para o desenvolvemento produtivo do sector, no marco dunha planificación estratéxica que remate coa agonía industrial do noso país. Se cadra é oportuno, por exemplo, abordármonos a posibilidade dun consorcio público, ou mixto, que supere o modelo fracasado do clúster empresarial privado para impulsar o desenvolvemento do naval galego.

Máis sobre Xabier P. Igrexas no seu blogue