O pasado sábado, 18 de abril, na Xamonería Catro Camiños de Gondomar celebrouse un acto de homenaxe e despedida a Manolo Meixide Cameselle, veciño de Nigrán, investigador do Instituto Oceanográfico de Vigo, fundador de Salvemos Monteferro, propagandista do software libre e de toda sorte de música, en particular da brasileira, precursor da utilización das redes sociais na difusión de eventos festivos e musicais...
Amigas, amigos e familiares pronunciaron sentidas palabras en recordo do compañeiro falecido hai un mes.
Publicamos aquí o texto que o seu amigo Xosé Manuel García Crego leu neste entrañable encontro.
PALABRAS PARA MANOLO, a xeito de ladaíña.
Val Miñor, 18 abril 2015.
[Xosé Manuel García Crego]
"Cando no Ceo estaba do Abrente a Man Esquerda,
en Soños escoitei que unha Voz na Taberna
clamaba: "Espertade, e enchede a Copa, Nenos,
denantes que se esgote o Licor da Eisistencia"
"E co Cantar do Galo, os que estaban por fóra
da Taberna berraron: -Abride entón a Porta!
Ben sabedes o curta que vai ser a nosa Estada,
e que unha vez partido ninguén eiquí retorna".
Non sei moi ben que música é a máis acaída como banda sonora para o ser do noso Manolo: o rock máis clásico de Río Bravo, aqueles alemáns que recalaban no Bar Patos cada verán no seu camión de bombeiros; ou Daniela Mercury, un dos seus últimos avisos no Feis; ou talvez, a nosa música tradicional á que nos enganchou cando nos descubriu os polbos gaiteiros deste Catro Camiños no que estamos.
Manolo e a música; Manolo e o software libre. Machacón, obsesivo: non lle hai que pagar a Bill Gates. Manolo na controversia, sempre crítico: Para que vas tomar cartílago de tiburón en cápsulas? Cómelle o da raia e solucionas o problema.
"Éncheme entón a Copa, e guindemos ó Fogo
da Primavera o Manto de Inverno do Remorso:
O Paxaro do Tempo ten moi pouco Camiño
que voar -e repara!, xa levantou o Vóo."
Coñecemos por ventura, Lucía e mais eu, a Manolo e a Concha porque Andrés e a nosa filla, Eire, fixéranse, aínda o son, amigos inseparables no Colexio Vilameán; de seren consultados, talvez digan que son irmáns. Desde aquela, na altura de 1995 ou 96, unha relación cordial, próxima, entrañable foise establecendo entre nós, e vivimos múltiples momentos de ledicia e risas, case sempre, iso si, cunha botelliña de tinto, ou dúas, como testemuña. Cando non unha copa de vodka, do Mingos, en Melide, na casa de Goretti e de Gonzalo... horas inesquencibles.
"Debaixo desta Ponla, cabo de min un Libro
de Poemas, o Pan e a Garrafa de Viño-
e Ti, á miña beira, a cantares no Ermo-
e abondaría o Ermo para ser un Paraíso."
Cantar; moito lle gustaba a Manolo cantar, buscamos mesmo as últimas tabernas viguesas onde poder facelo; ou faciámolo nos cocidos de San Blas, aquí, no Val Miñor, ou calquera día en cualquera lugar. Moi especial foi unha noite en Braga, na Festa da Alegría, onde botamos as cantigas todas da Revolución, coa malta toda a facerlle coro aos cantores que ocupaban o palco. Noutro escenario estaba Gabriel o Pensador, pero chovía e tamén non era o mesmo.
"Éncheme, Amor, a Copa que limpe o Día de Hoxe
de Remorsos pasados e vindeiros temores.
Mañán? E quen me di que entón non vou toparme,
eu tamén, cos pasados Sete Mil Anos de Onte?
"Pensa nalgúns que amamos, os mellores, os máis belos,
que de toda a Vendima tiñan prensado o Tempo
e o destino -beberon hai unha ou dúas Rondas,
e fóronse ó Repouso, un tras outro, moi quedos."
Claro, claro, os mellores. Foi en 2006 cando argallamos Salvemos Monteferro. Desde a torre vixía alguén notaba que no mítico monte comunal algo non ía ben, chegaban noticias de urbanización e decidiuse actuar. Coincidimos co movemento veciñal que se alzaba contra un Plan Xeral inicuo; organizamos en común as Xornadas de Urbanismo. Recollemos máis de dez mil firmas e convocamos concentración diante do concello: o nunca visto en Nigrán. Conseguimos parar o proxecto dunha tremenda vía de circunvalación en Monteferro e, pouco despois, a veciñanza, tamén mobilizada, botou abaixo un fatídico Plan Xeral deseñado para unha minoría.
Algúns, alguén estaban na torre vixía: Gabri, Montse, o noso Jose Reigosa. Outras e outros na cociña; o Manolo sempre atento á cousa científica, puntualizando. Estamos orgullosos, claro que si; e aí seguimos moi atentas, con Ángel exercendo de tal.
E aínda máis atentos, estes dous que se nos foron antes do tempo, Jose Reigosa e Manolo Meixide, dous tipos de mentalidade libertaria, "partidarios" sempre da unidade da esquerda; dous tipos de retranqueiro, irónico sorriso. Moi probablemente estean agora mesmo tamén xuntos, cunha cervexa na man, cachondeándose de nós.
"O que nos resta aínda de Vida aproveitemos,
namentras chega o Tempo de baixo o Pó descermos,
Pó convertido en Pó e baixo Pó xacente,
Sen Viño, sen Cantiga, sen Cantor -e sen Termo!"
O que nos resta de vida aproveitemos... Isto recomendaría o noso Manolo -permitídenos Concha, Andrés, Carlos, Gonzalo, Luís... que digamos "o noso Manolo", porque tamén é un pouco noso e porque a súa humanidade dá para moito-. Si, isto diría, como tal deixou escrito nestas Rubaiyat que hoxe lle collemos prestadas, en tradución de Plácido R. Castro, o astrónomo-poeta persa Omar Khayyám, que viviu dacabalo entre os séculos XI e XII, un filósofo hedonista, escéptico e epicúreo con quen nos identificamos, seguramente, todas ou a maioría de nós, persoas que aquí viñemos hoxe celebrar a vida que en común vivimos e gozamos; e cantas veces aquí, neste local do Catro Camiños, co noso Manolo.
Sempre Manolo!