Unha vez houbo un home que nunca dixo meu.
Xosé Reigosa Solleiro foise de onda nós o 21 de febreiro de 2012.
Xaneiro de 2006. Acudo ao vello Bar Patos, en Patos, Panxón, Nigrán do Val Miñor. Convocatoria boca-orella. Preséntase un escrito: trátase de preservar Monteferro da razzia urbanizadora do momento. Abaixoasinamos. Nace Salvemos Monteferro, asociación socio-cultural de defensa medioambiental. De alí a pouco eliximos presidente: Xosé Reigosa, naturalmente.
Desde a súa casa, en Alborés da parroquia de Priegue, vemos Monteferro e as illas Cíes despregar a súa potencia paisaxística. Podíase comprobar tamén, na altura, como as edificacións gañaban terreo ao monte e como mentes desaprensivas ordenaban a corta a feito de hectáreas forestais.
Entrade na páxina web www.salvemosmonteferro.org que prepararon Ángel e Xosé Reigosa: un exemplo de información. Gañaron no seu día o Premio Nano Cambeiro, outorgado polo Instituto de Estudos Miñoranos.
Montse, Gabri, amigas e amigos prepararon con antelación o ambiente: SALVEMOS MONTEFERRO andaba xa polos camiños. Reunimos máis de 10.000 sinaturas, convocamos unha concentración diante do concello de Nigrán e impedimos a construción dunha estrada de circunvalación en Monteferro. Era 2006, pouco antes da mobilización veciñal contra o fraudulento PXOM.
Xosé Reigosa Solleiro, que eu saiba, non tiña carné de partido político ningún. A súa filiación política era a da irmandade, a da igualdade social, a do republicanismo. Viña dunha selecta estirpe: Ricardo e Urania Mella, Humberto Solleiro, nomes senlleiros da liberdade.
Estudoso da realidade, rigoroso, extremadamente coidadoso no discurso, quixo sempre compartir análises e responsabilidades: nunca o manifesto era cousa de un, sempre expresión da idea común. Constituíuse, por riba da súa vontade, nun dos epicentros do movemento galego de defensa da terra.
A Ría Non se Vende, Galiza Non se Vende. Fórmulas organizativas para aglutinar, para mobilizar a xente fronte aos atentados medioambientais do momento. Xosé Reigosa foi voceiro veraz de movementos firmemente baseados na razón e no coñecemento científico das cousas.
Unha cruel enfermidade retirouno hai meses da súa actividade militante. Home afable, humilde, xeneroso, déixanos o recordo dunha persoa entrañable, cariñosa, amante dos seus e dos máis.
Séxalle leve ao compañeiro a terra que tanto amou.
En Priegue, parroquia de Nigrán do Val Miñor.
Xosé Manuel García Crego.