Martes, 3 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas O horizonte dun País Soberano, o Sáhara Occidental

O horizonte dun País Soberano, o Sáhara Occidental

Correo-e Imprimir PDF
Sáhara
Inicio unha colaboración con este novo medio con ilusionante ánimo, cun tema especialmente querido. Os últimos acontecimentos da masacre nos Territorios Ocupados do Sáhara Occidental son un maremoto político que non deixou alleo á nosa sociedade. O silencio, o ocultamento dunha masacre por parte de Marrocos, deixan ver unha vez máis un país autoritario que conta desgraciadamente co respaldo dunha boa parte da comunidade internacional. Lembro cando participei en representación do BNG na Comisión de Descolonización da ONU en outubro de 2007 cómo a diplomacia marroquina traía falsas testemuñas a declarar, cómo a Embaixada de Marrocos na UE presiona ás institución para que, por exemplo, esta mesma semana, grupos do Parlamento Europeo como o PSE, pola patética actuación do PSOE, impidan aprobar unha declaración de condena.

Declaración totunda que si realizamos por exemplo as organizacións políticas integradas no grupo ao que pertence o BNG, os Verdes-Alianza Libre Europea. Lembramos que as medias tintas xa non valen, que o pobo saharaui está farto, e tan canso, en especial unha mocidade que naceu despois da expulsión, que xa non aceita compromisos diplomáticos senon realidades. Mentras a comunidade internacional e o Estado español sigan tratando a cuestión deste pobo como un problema humanitario, non vai atoparse unha solución satisfactoria. Estamos diante dun grande tema político de descolonización que precisa unha solución pacífica, que, en consecuencia, esixe unha resposta política contundente en favor da libre autodeterminación do Pobo Saharaui, e non medidas cosméticas e consentimentos calados das masacres cometidas como o ataque ao campamento da Dignidade e a Xustiza e a represión posterior destes días, con mortes, torturas e intimidacións, incluindo "pechar as portas ao emisario" co peche das fronteiras aos medios de prensa para evitar trasladar o asedio que a poboación saharaui está a sofrer. Marxinación como seres humanos individuais, e colectivos, como pobo, violacións de dereitos humanos continuas dende hai máis de tres décadas.

O Sr. Jaúregui non di a verdade cando fala da soberanía de Marrocos, pois a cuestión do Sáhara Occidental é un asunto xurídico internacional de descolonización, que vincula as Nacións Unidas, e polo tanto, é necesario aplicar a responsabilidade plena desta institución, pois non se trata dunha cuestión de soberanía interna de Marrocos, que dende 1975, exerce unha ocupación ilegal dun territorio que non lle pertence, ao ter realizado unha anexión ilegal. O Sáhara Occidental é un Territorio-Non-Autónomo, que sofreu unha invasión e ocupación de forma ilegal por parte de Marrocos, que non ostenta nengún título de soberania sobre o mesmo, incumprindo a legalidade internacional e liberdades concretas como a liberdade de expresión e de circulación nos territorios ocupados, nos que se exerce unha forte opresión, tamén sobre nenos, mulleres e personas de avanzada idade. En consecuencia, debe ser restablecida a devolución xurídica deste territorio aos seus lexítimos donos, o Pobo Sahararui, co fin de garantir a estabilidade e paz da área. Por eso é innegociable e necesario realizar de forma urxente, a celebración dun referéndum de autodeterminación e a independencia, que conlevaría, definitivamente, á descolonización da colonia española do Sáhara Occidental, e neste senso, o Goberno español que está novamente facendo un papel vergoñento, debe cumplir indudablemente coas súas obrigas e responsabilidades e deixarse de amiguismos con Marrocos por medo á contención da migración e aos pactos agrarios, enerxéticos e tecnolóxicos, que tan ben lle van ao Goberno presidido por Zapatero.

O pobo saharaui é un pobo desterrado, ao que lle privou da súa terra, do seu mar e ar, dos seus recursos naturales. Marrocos está explotando, ilegalmente os recursos naturales do Sáhara Occidental, e non se muda a naturaleza do espazo que se explota nen se pode lexitimar unha actuación contraria ao ordenamento internacional polo aproveitamento dos recursos do seu subsolo e plataforma económica exclusiva, e polo tanto, a Unión Europea, que coa súa morneza nestes días lamentando os sucesos sen condenar, non está exenta de responsabilidade como suxeito internacional, por exemplo, na suscripción dos acordos de pesca co Reino de Marrocos. Un tema do que tamén debemos dar debate en Galiza, pois un acordo pesqueiro é importante para o noso País, pero suscrito coa República Arabe Saharaui Democrática (RASD).

As mulleres e homes saharauis están desterrados do seu proprio País, cun futuro condicionado durante máis de tres décadas. Por eso a sociedade galega,non pode calar e conformarse a ver o qué pasa, ten que esixir responsabilidades. A xustiza vai chegar máis cedo que tarde, no horizonte da liberdade nun pais libre e soberano, o Sáhara Occidental.

Ana Miranda
Voceira do BNG en Bruxelas (eurodeputada en 2012)