Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas Renuncio

Renuncio

Correo-e Imprimir PDF
Por Carlos Méixome.
O xogador ten que asistir ao pao, e ten que subir no triunfo. Primeiras regras do complexo e diverso mundo do tute. Se non o fai, o contrincante, no caso de descubrilo, pode acusalo cun contundente “renuncio”. Daquela, quen non respectou as regras perde a partida. Sempre queda a desculpa: “despisteime”, mais a lei é inexorable e a man está perdida. Á marxe queda a maña cínica da trampa.
Hai anos compartín numerosa e demorada cea-coloquio cun articulista de prensa, dos chamados, con certa fachenda, “analistas”. No percorrer da noite e dado que o “analista” en cuestión mantiña, e mantén, unha chiscadela galeguista para sectores crédulos, uns amigos preguntáronlle por que non escribía en galego. O home fixo uns cantos “renuncios” antes de que nos decatásemos de que andaba a xogar á marxe das regras. O seu argumento máis contundente era que en castelán líao máis xente. Na realidade coido que o “analista” non empregaba, nin emprega, o galego, porque el escribe de cousas serias, de cousas de comer, de política e poder e non de literatura, de música tradicional ou dalgunha desas lerias das que se pode escribir en galego, mesmo os venres no xornal que veu do Leste.
Imaxino que o reconto de lectores empurraría a Caneiro a escribir os seus artigos de prensa, primeiro metade en galego metade en castelán e agora, en lóxica numérica, en castelán.
As contabilidades burguesas enténdoas perfectamente, as pretensiosas razóns de altura moral, non. Argumenta Suso de Toro que escribe en castelán, nas páxinas de Galicia do xornal de “referencia”, porque tivo que escoller entre aceptar a censura ou escoller a liberdade de expresión. !Manda nabo¡. Con el foron unha boa restra de persoas as que se pasaron a escribir en castelán no país galego. Entre elas algún vello e respectado compañeiro como o Antón de Vilalba. Non é un “renuncio” nunha partida de café, é unha “renuncia” ao uso do noso idioma. Seguimos, como dicía o poeta, sen decatarnos que nunca virá de fóra remedio ou esperanza. 

Publicado na Peneira. Pé do Galiñeiro