Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Contradiscurso DePPutacións

DePPutacións

Correo-e Imprimir PDF
Xabier P. Igrexas

Unha prórroga que salvagarde o pendello provincial. Iso é o que procuran á desesperada algúns sectores do Partido Popular. Baltar e Louzán veñen de propor que as e os deputados provinciais sexan elixidos por sufraxio directo, nunha segunda urna en paralelo ás eleccións municipais. Máis un síntoma de esgotamento dunhas institucións, as deputacións provinciais, caducas e rexeitadas por amplas capas sociais. Precisamente cando no debate suma cada vez maior apoio a proposta de facer desaparecer as deputacións, o Partido Popular desprega de xeito oportunista o último cartucho para defenderen un dos bastións do seu poder institucional en Galiza.

As deputacións deben desaparecer, non só por cuestión de hixiene democrática, que tamén. As razóns principais que teñen fundamentado esta reivindicación, erguida historicamente con coherencia polo nacionalismo galego, atinxen a outros aspectos que non se resolven pola vía do lavado de cara electoral. A xestión obscenamente clientelar que as elevou á cúspide do caciquismo -nomeadamente na cuestión laboral- e a súa estrutural opacidade son algúns dos trazos máis grosos. Hai que engadir a súa obxectiva falta de funcionalidade unha vez se produciu a descentralización autonómica, que as relegou a unha incómoda posición que se discute entre o solapamento e a duplicidade con outras administracións. Dous extremos de total inutilidade para a veciñanza. Son ademais entes desde o que se ten exercido un intenso control político, facendo que prelasen criterios partidarios sobre as necesidades territoriais.

Non contribuíron á vertebración territorial do país, que no noso caso había pasar pola comarcalización. Ao contrario teimaron en facer sobrevivir un modelo, o provincial, xurdido do centralismo españolista e alleo á realidade do noso país. Tampouco serviron para estimular a mancomunación de servizos que axudase a viabilizar o noso medio rural, e nada fixeron para frear a desertización demográfica e produtiva do mesmo.

Fica claro, pois, que desde o punto de vista da defensa do interese xeral, en chave social, a desaparición das deputacións non sería ningún drama. Ao contrario. Porén, é evidente tamén que os denodados esforzos do PP por facelas sobrevivir evidencian até que punto estas son funcionais aos seus intereses de partido.

Máis sobre Xabier P. Igrexas no seu blogue

.