Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas ao director Ponte..nas escena. O teatro como patrimonio común

Ponte..nas escena. O teatro como patrimonio común

Correo-e Imprimir PDF
Santiago Veloso, director da Asociación Pedagóxica Ponte...nas Ondas

Que existe un patrimonio común entre Galiza e o Norte de Portugal parece que é unha evidencia que na que non fai falla insistir. Pero se afirmamos que este patrimonio está presente no Nordeste brasileiro parece que temos que demostralo con datos e con feitos. Se un home do teatro é quen de “demostralo” estaremos diante dunha representación desa afirmación.

Pois ben, a mestura de xentes, imaxinarios e saberes non pode permanecer oculta ou ignorada. É preciso máis que nunca participar e compartir coñecendo e dando a coñecer o que os creadores que beberon nesas fontes do patrimonio común están nestes momentos a producir e a crear.

Pouca xente en Galiza recorda ou sabe os camiños percorridos polo director de teatro galego, Moncho Rodríguez; da súa importancia no Brasil e de como ten influenciado novas correntes de creadores a percorreren os camiños dunha arte con identidade propia, dos seus traballos onde se unen nun só tempo a tradición e a modernidade, e os recursos que este director utiliza están vinculados directamente á poética das tradicións populares galego-portuguesas.

Este é o momento para que poidamos establecer pontes, lazos de irmandade e que os creadores galegos, portugueses e brasileiros poidan moverse nun circuito máis amplo e de ida e volta.

O teatro, así como a cultura galega, non pode permanecer distante dos movementos estéticos, artísticos, poéticos e culturais dos países por onde a súa influencia e memoria camiña. Se xa hai pontes abertas no mundo da música, se hai necesidade de chegar mesmo a facer negocios favorecidos pola proximidade lingüística e cultural, o teatro ten que mostrar eses imaxinarios compartidos e presentes nas realidades que a nosa lingua fecundou.

Ponte…nas ondas! que xa comezara da man de Limiar Teatro o diálogo necesario para levar á escena as expresións do noso patrimonio oral, coa obra Os 4 da Xunqueira, para transmitir ao público galego e portugués unha representación deste universo “inmaterial”, volta a inspirar de novo ao grupo en 2011 com motivo da XVII edición da súa xornada de comunicación. Desta volta son as “bibliotecas vivas” que dan pé á montaxe Verbum Fahrenheit inspirada na figura dos homes-libro de Rad Bradbury. Para esta obra, Limiar incorpora textos de escritores da lusofonia. 

Por outra banda, hoxe, o proxecto FAFE CIDADE DAS ARTES abre as súas portas para converterse nun punto de encontro e de creatividade dos actores galegos, brasileiros e portugueses para que poidan realizar experiencias conxuntas na procura de novos vocábulos e novas performances para unha expresión con identidade particular e universal. 

Para o público é unha oportunidade. Para os creadores son novos desafíos. Que poidamos compartir un universo ben maior, que poidamos coñecer e entender que é preciso abrir novos camiños para o desenvolvemento

cultural das nosas terras, para nós é unha continuidade no noso traballo e unha nova oportunidade para dar a coñecer as expresións do noso patrimonio común. A partir de aquí ábrese a porta á realización de coproducións entre compañías de toda a lusofonía. 

Para o público galego permite adaptarse ás novas sonoridades que os grupos do Brasil e de Portugal traen a este festival. É preciso aproveitar a lingua para vencer os mitos da barreiras idiomáticas, principalmente cando se trata de arte! A arte debe ter os elementos suficientes que permitan a comprensión por todos os públicos. Estamos a falar de elementos culturais que son os nosos, que sairon e voltan ás súas orixes, ás súas raíces.

Vamos ao teatro e o que alí o que se vai dicir e falar é a nosa expresión cultural! Con todas as súas variantes é nosa! 

Comezamos unha nova ponte, poñémonos na escena:  PONTE..NA ESCENA. 

En palabras de Vidal Bolaño:

“Nalgún recuncho ignorado do noso presente, ten que haber un teatro do hoxe e do aquí posible. Un teatro con fe abondo en si mesmo e na sociedade na que nace e á que serve. [...] Ese teatro, hoxe máis que nunca, ten que estar aquí, entre nós e ao noso alcance, só hai que saír buscalo”.

Asociación Cultural e Pedagóxica PONTE…NAS ONDAS!