Venres, 20 Sep. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Noticias Manifestación en Gondomar en contra do Vigo Íntegra

Manifestación en Gondomar en contra do Vigo Íntegra

Correo-e Imprimir PDF

A plataforma Gondomar Vive tampouco se quedou atrás no que se refire a mobilizacións en contra do Vigo Íntegra. Por esta razón convocou unha manifestación para o sábado ás once e media da mañá, que sairá da chaira do pavillón municipal e percorrerá as rúas de Gondomar ata chegar á praza do concello. Aí lerán un comunicado e entregarán no rexistro da casa consistorial todas as alegacións recolleitas.

A directiva da plataforma invita a participar a todos os veciños, tanto se son afectados directos coma se non, porque o problema é de todos xa que os viarios que contempla o plan, que son a circunvalación que conecta a saída da autoestrada co centro do municipio e a vía de alta capacidade que vai ata Tomiño, destruirán a comarca e fomentarán divisións territoriais entre uns barrios e outros, segundo denuncian.

Os integrantes de Gondomar Vive móstranse moi insatisfeitos do encontro do alcalde, Antonio Araúxo, coa conselleira de Política Territorial, María José Caride. Consideran que as palabras da conselleira máis que unha consolo significaron un golpe baixo ao traballo realizado ata agora pola plataforma, que desde un primeiro momento manifestouse en contra dos dous viarios proxectados no Vigo Íntegra para Gondomar, ao consideralos «innecesarios e sen beneficios para os veciños». «Estes viarios non están pensados para nós senón para comunicar polígonos industriais doutros municipios», comenta un dos integrantes da plataforma, Gondomar Vive.

«As palabras da conselleira provocaron que moitos afectados cresen que o problema desaparecera e non é así porque o proxecto segue adiante e que o estuden non implica a súa retirada», declara a presidenta, Élida Turán. Algo que solicitan desde que constituíron a plataforma. Ante esta situación, a directiva de Gondomar Vive ve necesaria unha participación multitudinaria na manifestación.

Ata o momento, recolleron 3.000 alegacións, número que incrementará ao longo desta semana, que corresponden tanto a veciños directamente ou indirectamente afectados como a diferentes colectivos da comarca. «Hai unha gran receptividade ente os gondomareños e a plataforma», comenta a presidenta, Élida Turán. Tanto é así, que aínda que a directiva de Gondomar vive está composta por dez persoas, cincuenta veciños ofrecéronse a colaborar con eles en todas as tarefas que o necesiten. O sentimento de tristeza polas consecuencias que o plan causará en Gondomar é xeneralizado. Non están dispostos a esperar cos brazos cruzados.