- O BNG rematou esta fin de semana os encontros sectoriais cunha xuntanza coas Comunidades de Montes en Man Común do Val Miñor na que estivo presente a candidata número 6 do BNG pola provincia de Pontevedra, Marta Dacosta.
-O Bloque pecha nesta campaña electoral os seus encontros coa cidadanía das parroquias de Gondomar cunha charla-coloquio na parroquia de Borreiros este mércores 17 de outubro no Centro Cultural de Borreiros ás 20:30 a que contará coa participación de Ana Bringas e Santiago Veloso.
A candidata número 6 polo BNG (Pontevedra), Marta Dacosta, mantivo o pasado sábado unha xuntanza na que participaron membros das comunidades dos tres concellos do Val Miñor, representantes da Mancomunidade do Val Miñor e da Organización Galega de Montes en Man Común. Na mesma, a candidata tomou nota das suxestións realizadas polos asistentes e trasladoulles os principais puntos do programa do BNG co respecto ao sector.
Nese senso, sinalou que o BNG aposta por unha política forestal "que faga dos montes un activo económico, facendo especial fincapé en retomar as políticas iniciadas no seu día, con Alfredo Suárez Canal á fronte da Consellaría". Entre elas, sinalou a aposta por un monte "multifuncional e sustentábel", por unha política de prevención en materia de incendios forestais e pola recuperación dunha lexislación feita polo bipartito que, no relativo aos parques eólicos, "daba plena capacidade de decisión aos propietarios dos terreos en que o parque pretendía ser instalado e esixía a realización de inversións nos lugares en que se producía a enerxía".
Dacosta salientou que como resultado da xuntanza cos comuneiros " quedou patente a necesidade dun cambio de goberno na Xunta de Galiza para recuperar políticas que foran beneficiosas para o monte galego e que o actual goberno do PP paralizou e destruíu".