Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Especiais Eleccións 24 M ANOVA, EU e independentes únense nas municipas na procura dun cambio para Nigrán.

ANOVA, EU e independentes únense nas municipas na procura dun cambio para Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
nigran decide

"Consideramos necesario un cambio de rumbo no concello de Nigrán: fundamentalmente, que se goberne para todas as persoas que viven no municipio e non só coa mentalidade posta nunha minoría afecta ao Partido Popular, ou en intereses propios ou de partido", reclaman dende esta candidatura que baixo o nome Nigrán Decide-SON congrega a persoas integrantes de formacións como Podemos Nigrán, Esquerda Unida e ANOVA xunto con cidadáns independentes.

Nese senso, procuran acadar os apoios necesarios da veciñanza para darlle unha nova forma de gobernabilidade ao concello onde "a corrupción e a especulación urbanística son algúns dos sinais de identidade ", denuncian.

Baixo o lema "En Nigrán decides ti" propón unha dinámica asemblearia xunto con un código ético cara o control cidadán das actuacións dos concelleiros electos pola súa candidatura que lidera o comunista José Cuevas.

"Queremos evitar que o nome de Nigrán continúe ocupando espazos nas páxinas de sucesos, como ocorreu en reiteradas ocasións ao longo destes catro anos, cando tiveron que dimitir concelleiras e concelleiros do PP por estar imputados en ilegalidades de distinta índole", afirman.

Entenden que urxe presentar nestes comicios unha alternativa "dinámica, renovadora na forma de gobernar e dedicada á búsqueda de solucións aos problemas máis inmediatos das persoas, de todas as persoas; como tamén na elaboración de propostas de desenvolvemento e de mellora das condicións de vida de todo o pobo de Nigrán".

Nese senso, adiantan que "as concelleiras e concelleiros electos deberán asumir o Código Ético aprobado; un Código Ético que garantiza o desempeño das súas responsabilidades con lealdade á asemblea e ao Programa Político da candidatura e con total transparencia." Engaden que establécese unha limitación salarial por un importe "de tres veces e media o salario mínimo interprofesional para dedicacións exclusivas; subscribirán un compromiso de transparencia e rendición de contas ao longo e ao final da súa actividade como representantes; limítase o mandato a dous períodos electorais, admitíndose unha prórroga de outros catro anos, sempre que a asemblea así o decida."

Ao mesmo tempo, sinalan que o programa de NIGRÁN DECIDE – SON será sometido a aprobación da asemblea que sustenta a candidatura este venres 8 de maio, despois de que se fosen publicando e debatendo os distintos borradores durante as últimas semanas a través do blog da candidatura e nas redes, así como de maneira presencial.

En materia de urbanismo, "dados os informes negativos da Xunta de Galicia e dos técnicos do propio Concello, e a imposibilidade real de corrixir o documento mediante a mera cesión do contrato, proporemos o aproveitamento da documentación que poida valer e unha nova licitación da redacción do PXOM. O novo PXOM debe estar tecnicamente ben elaborado e baseado en criterios científicos e tendo en conta o futuro económico e demográfico de Nigrán, así como a propia situación xeográfica do concello, e non sometidos ao capricho dun alcalde nin aos intereses dun grupo minoritario".

Salientan que o programa presta especial atención "á búsqueda de solucións para os problemas máis inmediatos das persoas: o dereito a unha vida digna da xente maior e da máis nova; o dereito á igualdade, a defensa dos dereitos das mulleres en todos os ámbitos; os dereitos da mocidade; o acceso á cultura e á práctica do deporte; alternativas para a mellora da saúde..."

En materia de Economía e Emprego preséntase un catálogo de medidas para a promoción das persoas en paro, nomeadamente en función das necesidades das actividades económicas de Nigrán.

Aseguran que este proxecto polítio "fai un especial fincapé na práctica da transparencia na actividade política, así como na esixencia de que se establezan as canles e os sistemas necesarios para facilitar a democracia e a participación cidadán, máis alá do exercicio do voto cada catro anos".