Veciños advirten da actuación de maquinaria pesada na zona de protección da Ponte Romana de Mañufe.

Imprimir
DSCF2110
DSCF2115
DSCF2113
DSCF2114
DSCF2108
  • Anterior
  • 1 of 5
  • Seguinte

As actuacións de maquinaria pesada no perímetro de protección da Ponte Romana de Mañufe esperta preocupación entre os veciños de Gondomar. Nomeadamente sinalan a construción dun obradoiro e os desprazamentos de terra que están a ter lugar a poucos metros deste ben patrimonial protexido, por mor das obras de saneamento. Se ben a alcaldía anunciou hai un ano que o proxecto non afectará a súa estrutura nin o antigo lavadoiro soterrado na beira sur do río Miñor, témese pola pegada que esta obra poida deixar cara a unha futura rehabilitación da ponte, xa comprometida pola Deputación de Pontevedra.

A necesidade de solucionar a deficiente rede de saneamento do municipio así como o endémico problema coas inundacións nas épocas de choivas, promoveron a intervención que leva adiante a Xunta a través de Augas de Galicia. Proxecto que orixinalmente, como denunciou no seu momento Valminor.info, prevía máis grampados de tubaxes sobre a Ponte Romana de Mañufe e a construción dun pozo de bombeo que afectaba o antigo lavadoiro de pedra a carón da mesma, hoxe soterrado.
En setembro de 2012 o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández,e o alcalde Fernando Guitián, anunciaban a modificación do proxecto orixinal, co xeito de evitar unha perigosa intervención na histórica ponte, así como no Acueduto do Bravo, sobre o río Vilaza, outro ben patrimonial que quedaba seriamente afectado.
Un ano despois as obras xa están á altura da ponte, mais a mesma carece de calquera tipo de protección ante posibles intervencións que afecten a xa delicada situación da súa estrutura.