Investigan ao ex alcalde popular de Nigrán por presunta prevaricación na contratación da grúa municipal.

Imprimir
auditorio-nigran

O Xulgado de Instrución Nº 6 de Vigo investiga ao exalcalde popular Alberto Valverde por presunta prevaricación administrativa no contratación do servizo de grúa municipal. O fai a instancia dunha denuncia presentada polo ministerio fiscal que viu indicios de delito nesa contratación feita mediante decretos de Alcaldía, en lugar dun concurso público con publicidade, segundo dá a coñecer o edil Antonio Fernández (UCN).

Sinala que os decretos de alcaldía se fixeron por importe de 21.228,2€ (12/9/12), 6.348,94€ (19/9/13) e 11.942,70€ (27/5/14). Daquela con advertencia ao rexedor popular que existían" reparos de legalidade e informes desfavorables da Intervención Municipal", feito que Fernández denunciara nun pleno da corporación e publicamente en novembro de 2012.

Engade que nese momento a Intervención sinalou claramente que "o gasto é contrario aos principios de boa administración e á eficiente utilización dos fondos públicos", así como que puidese tratarse "dunha contratación encuberta de persoal". Informe que foi posto en coñecemento da fiscalía e polo que agora a xustiza investiga a Valverde.

Fernández denuncia o "peculiar procedemento" con que se administrou a contratación, "tendo en conta que o Sr. Valverde dita a Providencia de inicio do expediente o día 22/8/12, cando curiosamente a oferta que resulto ser a adxudicataria, tiña entrada no rexistro municipal o día 30/7/12 con número 9851, varios días antes de iniciarse o expediente de contratación".

Lembra que os importes citados foron sensiblemente incrementados cos gastos soportados polo Concello "de combustible, mantemento e reparacións, así como da correspondente póliza de seguros.

A maiores sinala que o vehículo-guindastre propiedade municipal co que se desenvolvía o servizo foi cedido gratuitamente á empresa que o xestionaba. "Curiosamente sen fianza algunha que garantise as posibles avarías que puidesen ocasionarse durante a vixencia do contrato".

Por outra parte, o contrato non contemplaba os servizos extra de guindastre prestados a partir das 20h, e especialmente os domingos, "que curiosamente excluíase do contrato, xusto cando a demanda e necesidade é maior, facturándose estes servizos a parte (o contrato estipulaba xornada de luns a sábado ata as 20h)", sinala.