Oposición rexeita realizar dous plenos para salvar os erros cometidos na aprobación dos orzamentos de Nigrán.

Imprimir
pleno cesion

A oposición rexeita a celebración dun pleno extraordinario para salvar os erros procedimentais do goberno de Nigrán na aprobación dos orzamentos de 2015. O mesmo foi fixado trala celebración da comisión de contas para o vindeiro xoves ás 12 horas. Argumentan que os 14 días que o separan do pleno ordinario non xustifican a xuntanza co único fin de destrabar as contas cando xa están a rexer as prorrogadas de 2013 dende o 1 de xaneiro.

O único punto do mesmo será levantar as seis alegacións presentadas por Esquerda Unida durante o prazo de exposición pública do documento. Procedemento obrigatorio por mandato legal antes de calquera aprobación definitiva das contas e que o alcalde popular Alberto Valverde omitiu no derradeiro pleno, aprobando e publicando no BOP as mesmas sen máis.

Nese senso, o edil Fernández Comesaña (UCN), denuncia que o alcalde Alberto Valverde "tivo tempo dabondo para presentar ao pleno os orzamentos, con todo, incumpliu os prazos establecidos na lei de Facendas Locais, e presentáronse para a súa aprobación inicial no pleno de novembro, co que era materialmente imposible -de presentarse alegaciones como así sucedeu-, puidese entrar en vigor o día un de xaneiro".

Para evitar críticas polo dobre gasto na celebración de dous plenos no mes, Valverde afirmou que o extraordinario se fará ás 12 horas para evitar pagar compensación aos técnicos municipais que deben concorrer á sesión. Tamén adiantou que os concelleiros do PP non cobrarán pola súa participación e convidou ao resto dos partidos a facer o mesmo, segundo un comunicado do rexedor reflictido nalgúns medios.