35 veciños asinan en Morgadáns unha declaración voluntaria para que as súas lápidas sexan en galego.

Imprimir
acto-cemiterio-morgadans-13
placa-devanceiros-morgadans
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

O pasado domingo 13 de maio, 35 veciños de Gondomar asinaron unha declaración voluntaria de reafirmación da súa galeguidade "fronte un dos momentos máis transcendentes da vida, o da morte", ca manda para os seu herdeiros "da protección do legado cultural e lingüístico de Galicia". Entre outras manifestacións, os asinantes rexistraron o seu pedido expreso de ser lembrados nas súas lápidas cunha inscrición en lingua galega. O acto tivo lugar no marco da iniciativa "En Galego agora e sempre", que desenvolveuse na Entidade Menor Local de Morgadáns.

 

A iniciativa nada en outubro de 2011 a instancia do vogal nacionalista Xaime Lugilde, concretouse sete meses despois co apoio unánime da Xunta da Entidade. No adro da igrexa parroquial, varias decenas de veciños escoitaron previo á sinatura do documento, a Xosé González Martínez -fornecedor en toda Galicia destes actos- quen salientou o feito de que os galegos falantes sexan recordados na súa lingua por sempre. "Nese intre de recollemento, cando os familiares ante a tumba do ser querido pechan os ollos e buscan o seu recordo, se fai na lingua que eles falaban: o galego".

Posteriormente, Urbano Esmerode Domínguez, presidente da EMLM, destacou o feito desta homenaxe aos devanceiros da parroquia, no marco do mes das Letras Galegas. Con voz emocionada leu unhas verbas de Valentín Paz Andrade, para finalmente convocar a tódolos veciños a defender o maior patrimonio "que temos os galegos, a nosa lingua".

Finalmente, inaugurouse unha placa no cemiterio de Morgadáns coa inscrición "Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu".

O acto, que foi amenizado pola agrupación tradicional de gaitas Balcón do Miñor, contou ademais coa participación do Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela García eo Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xoaquín Monteagudo Romero. Tamén entre o público asistente, estiveron presentes o Alcalde de Gondomar, Fernando Guitián Guitián, xunto a concelleiros de goberno do municipio, membros do Instituto de Estudos Miñoranos, así como representantes das distintas agrupacións políticas e sociais do concello de Gondomar.