EU reclama que os plenos de Nigrán volvan a desenvolverse a partir das 20 horas.

Imprimir
pleno nigran preferntes 2013

Esquerda Unida avoga pola volta ás 20 horas como inicio das sesións do pleno da corporación de Nigrán. Salientan que ese horario facilita a asistencia dos veciños moi por riba do que permite o actual ás 10 da mañá que se adoptou en xuño de 2011. Lembran que o rexedor Alberto Valverde era partidario de desenvolver os plenos a esa hora cando era oposición e que así o reflicte a acta do pleno 2 de xullo de 2007 onde o entón portavoz do PP consideraba que "é unha hora interesante para os plenos e a participación dos veciños". Nese senso, EU que carece de concelleiros en Nigrán, presentou unha solicitude á alcaldía para que se ingrese na orde do día do pleno o tratamento dunha moción a tal fin.


A iniciativa tamén inclúe o mantemento das reunións o último xoves de mes, salvo no Nadal onde sería unha semana antes e no mes de agosto pola ausencia de sesión do pleno.
"Esquerda Unida considera que a situación excepcional que vivimos no Concello, onde a mala práctica e presunta corrupción chegou a mans das xustiza, fai preciso que a cidadanía teña acceso aos plenos para que as decisións tomadas polos nosos representantes non queden esquecidas nos arquivos das actas, senón que sexan perfectamente visibles para todas as veciñas e veciños", declara o portavoz de EU José Cuevas. Engade que se ben debería ser esta unha práctica habitual, "o escurantismo ao que nos ten afeitos o actual Goberno confírelle o carácter de excepcionalidade indicado".
Adianta que Esquerda Unida trasladará esta moción a todos os grupos municipais, por si a queren asumir e presentar no pleno.