O turismo, claro. A Cidade Prohibida é coma o Parador de aquí, aínda que sen Hotel. E a Gran Muralla ben podía equivaler ó entorno amurallado de monte Boi. O Templo do Ceo e a ex Colexiata poderían rivalizar nas pregarias, polas boas colleitas ou polas almas dos defuntos, polos que aquí tamén se manifesta unha especial devoción. O compartido respecto pola morte é un eixe común a moitas culturas, se ben en China, está rodeado ultimamente de anécdotas do máis divertido. Leo no China Daily que as autoridades van a vixiar máis os enterros porque algunhas familias organizan streeptease no rito funerario para asegurar un maior acompañamento do defunto. Canta máis xente, máis gloria na eternidade.
A falta de mar foi compensada en Beijing con fermosos parques, como Beihai ou Yuyuantan, onde un pode contemplar magníficas postas de sol e gozar dun paseo en barca por augas en calma chicha que chegado o inverno, conxeladas, fan as delicias dos patinadores... e dos atrevidos e vigorosos bañistas. Nestes parques, as miradas e os pensamentos poden chegar a perderse entre as románticas ponlas dos salgueiros choróns que sedan os ánimos das xentes mentres observan a auga varada dos estanques que a media tarde semella moverse a gran velocidade.
Con todo, chama a atención a xenerosa humildade da maioría dos beijineses. Conscientes do que son, non precisan facer ostentación da súa importancia “capital”. A súa vida cotiá é un exemplo de satisfacción e modestia, só alteradas ante os campesiños inmigrantes que chegan a mares procedentes do inmenso rural chinés, buscando na capital unha oportunidade para gañar algún diñeiro e regresar á súa aldea.
Beijing é unha suma interminable de aldeas pequenas formulando unha peculiar mestura rururbana, cun urbanismo complexo pero, en suma, bastante aceptable, e cunha mellora en perspectiva de cara a eses Xogos Olímpicos de 2008 que mobilizan investimentos multimillonarios e alentan corruptelas que xa se levaron por diante a varios responsables da organización.
Como Baiona ( o uso do te), Beijing ten os seus usos lingüísticos específicos. É moi común, por exemplo, que para devolver as grazas, os beijineses marquen a diferenza usando béng xié, en vez de méi xa ou bú xié, que ven a significar practicamente o mesmo: de nada.
Aquí non se cantan as glorias de Pinzón, pero si as de Zheng He, mariñeiro de terra adentro e eunuco encargado dos asuntos de palacio en tempos do emperador Zhu Di. Zheng He realizou sete grandes viaxes por terras de Asia e de África, deixando a súa pegada en máis de 30 países e rexións. Falecido en 1433, as súas fazañas dirixindo unha flota sen igual na historia da navegación mundial, desenvolvéronse poucos anos antes da viaxe de Colón a América e especúlase moito hoxe sobre se tivo algunha relación con ese feito a través dos comerciantes europeos presentes na China da época.
No medio de tanto aluvión de xentes que van e veñen, a enerxía cultural, o esforzo constante pola posta en valor de todo o simbolismo que concita a inmensa historia desta cidade, coa creatividade suficiente para proxectala no presente e no futuro é, non obstante, a principal diferenza que separa a Beijing de Baiona. Aí si, aquela quilométrica distancia inicial que se disolve na comunicación instantánea de hoxe, acaba por converterse en anos luz de afastamento e as diferenzas, tan fáciles de diluír en tantos aspectos, acaban por facer de Beijing e de Baiona dous planetas sorprendentemente distintos.
Por Xulio Ríos
Xulio Ríos (Moaña, 1958) é director do INSTITUTO GALEGO DE ANÁLISE E DOCUMENTACIÓN INTERNACIONAL, desde a súa fundación en 1991. Director da Fundación Plácido Castro e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Dirixe Tempo Exterior, revista galega de análise e estudios internacionais.
É membro dos Consellos Asesores de Casa Asia e da Fundación Carlos Casares.
É membro correspondente da Real Academia Galega e da comisión de cultura galega no exterior do Consello da Cultura Galega.
Se ver máis fotos de Bejing consulta a wbe do IGADI en: http://www.igadi.org/album/t_album_beijing.htm