A desfeita dos petrógifos de Chandebrito recibe "silencio administrativo" como medida de protección.

Imprimir

Chan de Rapadouro Foto Angel de Prado

Cúmprese un mes da denuncia dos veciños da parroquia que atoparon totalmente estragados os petróglifos das Chans de Rapadouro e da Lapela. Sen embargo nin denuncia pública polo atentado patrimonial, nin iniciativa algunha se coñece do goberno de Nigrán para dotar de protección a estes xacementos de arte rupestre de Chandebrito. Alcalde e concelleiras de Patrimonio e Cultura gardan silencio ante os feitos.

Non temos novidade algunha nin da Consellería de Cultura da Xunta nin do Concello de Nigrán, a pesares de remitirlle a denuncia por escrito tanto fisicamente como por correo electrónico” denuncia Carlos Gómez Costas, voceiro da Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807”, consultado por VM.info. Por riba, o colectivo preocupado pola impunidade dos autores do delito consultou á Dirección Xeral de Patrimonio, recibindo como resposta que “non había nada acerca do asunto, e que era moi complicado se non se ten pista algunha da autoría dos feitos”.

 

IMG 0003

Todo segue igual nos xacementos deturpados.

Os paneis informativos e os valos de protección destes petróglifos desapareceron do lugar sen que se repuxeran”, sinala Carlos Gómez. E así segue un mes despois, este espazo arqueolóxico que agocha rochas gravadas de máis de 4000 anos de antigüidade así como outros bens de alto valor histórico e etnográfico e que contaron cunha subvención de 150.000 euros con cargo aos fondos do programa Proder da Unión Europea para a súa musealización.

O “silencio administrativo” do Concello de Nigrán.

O Concello de Nigrán non se comunicou para nada con nós sobre este asunto, a pesares de enviar a denuncia ao rexistro xeral, e aos enderezos de correo das concellerías de Patrimonio Cultural e de Cultura e á secretaria do alcalde e ao grupo municipal do PP,  polo que pensamos que lles dá un pouco igual” denuncia Carlos Gómez.  Engade que nin a Delegación Territorial da Consellería de Cultura nin a Dirección Xeral de Patrimonio tampouco se puxeron en contacto con eles nin saben si estiveron a visitar os espazos estragados.

O pleno de Nigrán rexistrou unha consulta ao alcalde no último pleno.  A agrupación do PSOE no espazo de Rogos e Preguntas preguntoulle ao alcalde Alberto Valvarde (PP) se podía informar sobre o acontecido en Chandebrito. Na sesión –cuxa acta aínda non está publicada na web do Concello de Nigrán- Valverde zanxou o tema respondendo que o tema estaba en mans da Xunta de Galicia.

Os veciños están dispostos a pedir a intervención do Valedor do Pobo.

A Asociación ten pensado denunciar este tema ante outras instancias, “primeiro porémonos en contacto coa Xunta e o Concello no mes de setembro e logo tomaremos as medidas que consideremos oportunas”, sinalan indignados dende o colectivo. Tampouco descartan pedir a intervención do Valedor do Pobo, “pola indefensión que sufrimos por este e outros asuntos por parte da Administración”. Aseguran non estar dispostos a que as administracións responsables “pasen olímpicamente destes temas, sabendo ademais que estes bens gozan por lei da maior grao de protección legal ao ser considerados Bens de Interese Cultural (BIC)”.