Orden de afastamento de 500 metros da discoteca da Ramallosa para os Chukis liberados .

Imprimir
chukis

Levan un ano involucrados en asaltos, liortas, agresións e delitos de diversa índole na contorna da discoteca da Ramallosa segundo a Garda Civil.  Presúmese que acadan próximo ao medio centenar de integrantes que responden aos líderes do grupo, agora detidos. Tras un ano de operativos a Garda Civil (Baiona-Nigrán) co apoio da Policía Local de Nigrán lograron cercar esta banda cualificada como “violenta” que opera no Val Miñor para impoñer “a súa lei” entre a mocidade da comarca. Arrestaron a doce deles mais a xustiza deixou en liberdade con cargos á maioría.

Agás dous de seus líderes os presuntos integrantes da banda criminal Chukis están de novo nas rúas. A xuíza do Xulgado número 5 de Vigo decretou a liberdade con cargos aos detidos polas forzas de seguridade tras as liortas e agresións que tiveron lugar a pasada fin de semana na contorna da discoteca Ramallosa 2000 . A medida está acompañada dunha orde de afastamento  de 500 metros da discoteca da rúa Manuel Lemos.

A investigación realizada polo Posto Principal de Baiona-Nigrán, baixo a dirección do xulgado Número 5 de Vigo, tivo o xoves doce arrestos que se produciron de forma simultánea en distintas zonas do centro da cidade olívica. Foron detidos un total de doce mozos, once varóns e unha muller, sendo tres menores de idade e os restantes de entre 18 e 25 anos. Son todos residentes en Vigo, aínda que de distintas nacionalidades.

A todos eles impútaselles un presunto delito de pertenza a grupo criminal no marco da «Operación Chukis». Quedaron onte mesmo en liberdade con cargos tras pasar polo cuartel excepto os presuntos líderes da banda. Trátase de H.L.S.M. e N.J.R.C, de 20 e 18 anos, naturais de de Brasil e Bolivia respectivamente, e que pasarán a disposición da autoridade xudicial nas próximas horas.

A discoteca ten anunciada unha festa para esta noite de sábado.

No Concello de Nigrán non consta a instalación dun operativo especial das forzas de seguridade para custodia da zona. O alcalde Juan González sinalou que como todos os sábados a Policía Local estará presente, mais confía que as detencións dos últimos días sexan suficientes para disuadir novas provocacións ou liortas.

A Garda Civil dá conta dos delitos cometidos por Chukis  no Val Miñor.

Para a Garda Civil as súas pescudas arroxan que os detidos  pertencen a unha “banda xuvenil violenta”, que estaría detrás dun “centenar de incidentes rexistrados na comarca de O Val Miñor” nos últimos 12 meses.

Nun comunicado emitido o mesmo día da comparecencia xudicial, afirmaban que a súa presenza está vencellada a “Pelexas, enfrontamentos e agresións tanto físicas como verbais “ acontecidas nas inmediacións  da discoteca Ramallosa 2000.

Neste senso, a Garda Civil enumera a existencia de 11 atestados por distintos ilícitos penais e existencia de 70 denuncias administrativas relacionadas con membros da banda.  A maior parte dos ilícitos son por “lesións e rifas tumultuarias. O resto por roubo con violencia, furto, atentado, desobediencia grave e resistencia aos axentes da autoridade”.

As denuncias sinalan alteracións da orde pública, pelexas e altercados na rúa, na súa maioría, e nos demais casos faltas por consumo de sustancias estupefacientes na vía pública.

Os Chukis no Val Miñor.

Advirten que tras o seu modus operandi, a banda quere impoñerse na zona, xerando medo e “respecto” entre os demais.  “A maioría destes mozos adóitanse presentar como integrantes da banda de «Os Chukis» para amedrentar e ameazar aos mozos cos que se enfrontan. Moitos deles ten un amplo historial de antecedentes policiais e, tanto a vestimenta como a simboloxía que ostentan nas súas tatuaxes e o propio nome do grupo identifícalles. Non se descarta a confluencia doutras bandas ou afines como os Urban”, afirmaban dende a Garda Civil.

Ata o momento foron identificados un total de 41 mozos en idades comprendidas entre os 16 e 32 anos, no seu maior parte varóns e 6 menores de idade.  Deles 27 son españois e 14 son de orixe sudamericano, todos con domicilio en Vigo.

Sinalan que a operación “segue aberta” e non se descarta que haxa “novas identificacións e investigados xa que, ata a data, identificáronse a preto de medio centenar de supostos membros destes grupos”.

A Garda Civil recoñece a colaboración da Policía Local de Nigrán.

A sucesión de agresións na vía pública e ao mobiliario urbano nesta zona de Nigrán durante os fins de semana “xeraron unha gran alarma social e un serio problema de seguridade cidadá e que os veciños sufriron”. Agregan que isto puídose enfrontar con éxito “grazas á colaboración da Policía Local de Nigrán”.