Manifesto miñorano convoca á celebración do Día da Patria Galega sen distincións partidarias.

Imprimir
Logo25X-BC

Un grupo de veciñas e veciños da bisbarra están a convocar unha celebración comarcal do Día da Patria Galega no Pazo da Escola de Mañufe, o próximo venres 24 de xullo as 20:30h. Nun manifesto elaborado a tal fin afirman procurar unha participación sen distincións partidarias no día previo á celebración en todo o país do Día de Galicia ou da Patria, como sinalan foi nomeado historicamente. Os interesados en participar deberán comunicarse ao correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo . No acto intervirá Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.


Manifesto pola unidade no día da Patria
As persoas que asinamos este escrito, veciños e veciñas do Val Miñor, sentímonos ao mesmo tempo cidadáns e cidadás dunha nación negada en gran parte dos seus dereitos políticos que non queremos deixar de reivindicar no día da nosa nación, da nosa patria , da nosa matria, de Galiza.

Vivimos un tempo excepcional. O paro, a pauperización, os recortes en sanidade e educación, os problemas económicos e sociais do noso país, na vez de mellorar, agrávanse. As políticas europeas, do goberno central e da Xunta, non só impiden a recuperación económica senón que prolongan a crise para aumentar os beneficios dos oligopolios financeiros.

Afrontamos unha recentralización que dificulta a supervivencia de empresas e traballos e pretende liquidar sectores produtivos enteiros, ao tempo que conduce á desaparición da nosa lingua e cultura.

Galiza precisa existir con forza para defender os seus intereses inmediatos e estratéxicos como nación.

Sabemos da inmensa forza da unidade, do enorme potencial de ilusión e entusiasmo colectivo que poden xerar a defensa da nación e da soberanía. Estamos na hora de andar ese camiño.

As persoas que subscribimos este chamado pedímoslle ás forzas políticas que den exemplo da unidade cívica, e renuncien a patrimonializar este acto do 25 de xullo de vital importancia na nosa historia.

Cada un dos e das asinantes, facémolo de xeito persoal porque é a forma máis nidia de expresión da cidadanía: a suma das vontades individuais. E coas nosas sinaturas queremos manifestar tanto o desexo de marcharmos tod@s polas rúas de Compostela detrás da faixa que, baixo o lema A nación galega será portada por xente do común en representación dos homes e mulleres que son os lexítimos donos da galeguidade: a maioría do pobo galego, a cidadanía do país así como de celebralo, de igual xeito, no noso recuncho vital do Val Miñor e polo que convidámosvos a un convivo de irmandade no Pazo da Escola de Mañufe, o próximo venres 24 de xullo as 20:30h.