Os carteiros volven este luns ás rúas para reclamar máis persoal no Centro de Reparto do Val Miñor.

Imprimir
carteiros-concentracion

Unha reestrutura de persoal e as súas áreas de distribución deixa aos carteiros da bisbarra nunha relación de 1 cada 2000 habitantes de media. O dobre do recomendado para unha cobertura diaria e axeitada, segundo fontes sindicais. Por riba, dúas zonas rurais en Baiona e Oia antigamente cubertas cun carteiro cada unha, agora foron incluídas nos responsables doutras áreas. A maiores o ente Correos non prevé substituír as ausencias de persoal por vacacións ou baixas durante o verán con novas contratacións. Neste contexto, o persoal do centro de distribución da Ramallosa sairá este luns á rúa para manifestar o seu rexeitamento ao novo plan da empresa para a zona. A protesta non afectará as tarefas ao público pois desenvolveranse no espazo libre que goza o persoal ás 9 horas . Os traballadores percorrerán o mercado de Sabarís.


Na actualidade o centro de reparto comarcal conta con 29 carteiros e 2 xefes de unidade segundo datos achegados polo sindicato. Dous menos dos que tiña antigamente e que o "Estudo de dimensionamento da Unidade de Distribución de Val Miñor" que está a aplicar Correos dende o pasado 1 de xuño prevé manter, cunha redistribución das áreas e quilometraxe de cada reparto. A medida provoca unha sobrecarga "dificilmente asumible", as veces co engadido da cobertura doutra zona extra se o responsable está de baixa o vacacións, segundo declaracións a este medio de Eusebio Cousillas Fontán (CCOO), secretario provincial do sindicato postal.
A contratación de novo persoal non está no horizonte deste verán, polo que a bisbarra, a pesar dos reclamos sindicais contará co mesmo cadro na unidade de reparto. Polo que o sindicato advirte que poderán suceder atrancos na chegada da correspondencia ás zonas urbanas e rurais de Baiona, Gondomar e Nigrán.
As mobilización conta co apoio dos cadros das oficinas de recepcións dos tres concellos miñoranos. Outra área, que segundo o sindicato tamén sufre problemas pola falla de persoal e contratos de substitucións. De momento Baiona mantén 3 persoas nas súas oficinas, o mesmo número Nigrán e 2 Gondomar. Cadros, que segundo o sindicato, "son solidarios e acompañan coas protestas" dos seus compañeiros da unidade de reparto na Ramallosa.
A nivel do Estado estanse mantendo conversacións entre dirección e traballadores na procura de solucións ao problema da falla de persoal, segundo Cousillas. Igualmente no horizonte próximo, debido á lexislación en vixencia amosa difícil unha solución a curto prazo. Ademais da mobilización de mañá, sobre a rúa Xulián Valverde, están previstas protestas na zona do marcado de Sabarís tamén para os días 20 e 27 deste mes.