Gondomar e Nigrán implícanse na reconstrución de Gaza a través do Fondo Galego de Cooperación.

Imprimir
Fondo-Galego

Os concellos de Gondomar e Nigrán achegarán o seu gran de area para a reconstrución de Gaza. O farán a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que destinará un total de 20 mil euros en axudas médicas. Representantes de ambas as dúas administracións participaron na asemblea que celebrou o organismo o pasado mércores onde foi adoptada a resolución de colaborar na recuperación de Palestina tras os últimos bombardeos israelís.

 “O Concello de Gondomar amosa así o seu compromiso cos países do sur”, sinalaba a administración nun comunicado. Gondomar e socio de pleno dereito do Fondo dende o 31 de marzo de 1998, e achega na actualidade unha contribución 1.121.03 euros. A concelleiro de Benestar Patricia Durán foi a representante do municipio na asemblea. Pola súa banda, Nigrán e socio fundador do Fondo (finais de 1997), e contribúe na actualidade con 1.405,64 euros.

Por que Baiona non participou da asemblea?

Baiona non participou da reunión do Fondo posto que o alcalde Jesús Vázquez Almuíña pediu a baixa do municipio desa organización. Institución da que formaba parte dende 1998 e coa que contribuía co 0.7% dos seus orzamentos

Palestina

A Asemblea xeral de socios do Fondo celebrada en Santiago de Compostela resolveu ademais cofinanciar con 152.345 euros seis proxectos de ONGD galegas en países empobrecidos.

A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) recibirá 10.000 euros para apoiar o traballo dos equipos de saúde mental da entidade que atenden á poboación no contexto postbélico. Os outros 10.000 euros canalizaranse a través da Asociación Médica Hispano Palestina, responsable da entrada e distribución de material médico e farmacéutico na Franxa.

Filipinas

Doutra banda, os 10.000 euros para Filipinas corresponden a achegas extraordinarias dos Concellos de Narón e Pontevedra, xunto coa recadación dun concerto solidario organizado polo Concello de Lugo. A doazón destinarase ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), que a investirá en proporcionar refuxio e materiais de primeira necesidade ás comunidades do arquipélago. Esta contía súmase aos outros 10.000 euros xa mobilizados o ano pasado poucos días despois do paso do ciclón Haiyan, cos que se dotou 1.000 familias damnificadas de tendas e artigos non alimentarios básicos de emerxencia.

América Latina e India

Nicaragua, Honduras, Perú, India e Guatemala son os lugares onde sete ONGD galegas desenvolverán proxectos de cooperación internacional cofinanciados polo Fondo Galego, segundo a resolución da convocatoria de axudas ratificada pola Asemblea. Todas elas traballan en parcería con organizacións locais e levarán a cabo ademais actividades de sensibilización en Galicia para concienciar fronte as desigualdades.

A proposta de Amigos da Terra busca facilitar o acceso á auga dun milleiro de nicaraguanas e nicaraguanos mellorando a infraestrutura e o manexo das fontes, ao tempo que se achegan solucións como a depuración biolóxica. No mesmo país, Taller de Solidaridad contribuirá a fortalecer o turismo sustentable potenciando a autosuficiencia financeira dun centro rural. Mellorar o acceso á auga potable e ao saneamento en sete municipios mediante unha xestión integrada é o fin último da iniciativa formulada por Enxeñería sen Fronteiras no Golfo de Fonseca, onde se desenvolverán formacións e estudos para formular os plans necesarios.

Intered promoverá en Perú a participación das mulleres quechuas e aimaras co fin de mellorar os servizos de atención ás vítimas de violencia familiar e sexual. Tamén na India a ONGD Implicadas no Desenvolvemento apostará por impulsar a participación social e política dunhas 1.500 mulleres do rural, mentres que en Guatemala Arquitectos sen Fronteiras colaborará no desenvolvemento autónomo apoiando unha cooperativa local de materiais de construción e reactivando a organización comunitaria, con enfoque de xénero.