Tras 60 días no Val Miñor, 13 cativos saharauís retornan aos campamentos de Tinduf.

Imprimir
visita-saharauis-2

Remata a andaina polo Val Miñor das trece crianzas saharauís que este ano conviviron con familias acolledoras de Baiona, Nigrán e Gondomar. Este sábado 6 de setembro emprenderán o voo de regreso cos levará canda as súas familias. No Sahara haberá alegría polo regreso e por esta experiencia nunha terra cuxos nomes e lugares cada vez son máis coñecidos nos campos de refuxiados de Tinduf. A SOGAP (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), fornecedora de Vacacións en Paz, salientou e agradeceu novamente este venres ás familias acolledoras e ao Concello de Gondomar polos seus esforzos na concreción deste programa humanitario . Á vez que manifesta o desexo de contar coa colaboración económica de Baiona e Nigrán para a edición 2015.

"Intentamos cada ano que participe o Concello de Baiona neste programa pero sen resultado positivo polo de agora", salienta Xosé Henrique Porto, voceiro da SOGAP. Así como xa o fai Gondomar dende hai anos, espera que "Nigrán e Baiona participen coa axuda económica de costear os billetes de avión destes nenos. Porque deste xeito estarían a altura solidaria das familias que si acollen solidariamente aos saharauís", sinala.
Porto entende que "É de xustiza polo abandono que sufriron por parte do Estado español no seu momento". "Se estes concellos colaborasen no programa poderiamos traer máis nenos e nenas, sería un acto de caridade e humanismo que o Val Miñor sempre procurou", afirma.
O programa Vacacións en Paz, permite que os cativos reciban atención médica, grazas a un convenio co SERGAS. Procura a convivencia con familias da bisbarra e o que non é menor, procura "sacar aos nenos e nenas do intenso calor que sofren nos campamentos de refuxiados do Sahara Occidental", sinala Porto.