Activan o portal Manifesto Miñor para a recollida de sinaturas a prol das candidaturas unitarias.

Imprimir
web-manifesto-minhor

O colectivo veciñal a prol da formación de candidaturas unitarias nos tres concellos do Val Miñor cara ás eleccións municipais acaba de lanzar o portal web "Manifesto Miñor" para que aqueles que desexen sumarse a título persoal asinen a iniciativa. Próximo a 40 cidadáns de Baiona, Gondomar e Nigrán atópanse entre os primeiros asinantes desta corrente que "apela" aos movementos sociais e ás formacións políticas "democráticas, progresistas, de esquerda e /ou nacionalistas, a iniciar o dialogo necesario e urxente co fin de conseguir unha ampla alianza social e política para configurar CANDIDATURAS UNITARIAS", a partir dunha convocatoria presentada o pasado 18 de xullo baixo o nome "Pola rexeneración democrática dos concellos do Val Miñor".

O portal divídese en tres seccións. A primeira co título "Manifesto" permite a lectura completa das bases da convocatoria cidadá elaborada polos promotores do colectivo. A segunda "Sinaturas", recolle a lista de veciños miñoranos que xa asinaron e fan pública a súa adhesión ao manifesto. Por último, e co título "Asina!", atópase o formulario a encher cos datos persoais da persoa interesada en unirse á iniciativa. Acción que pode rexistrar en dúas modalidades, unha pública permitindo a publicación da súa adhesión e outra restrinxida aos membros do colectivo que administra o portal.