As Mareas pola Educación Pública unifican mobilizacións: “12 meses, 12 loitas pola educación pública”.

Imprimir
ensino1

As Mareas pola Educación Pública preparan un calendario unificado para toda España con mobilizacións a longo prazo para afrontar "o primeiro curso de aplicación da LOMCE e contra os recortes". Así o decidiron nunha xuntanza en Madrid na que participaron representantes do Val Miñor e Galicia xunto con outras Mareas, asembleas e colectivo do Estado. Tras analizar a situación pola que atravesa o ensino público nas distintas comunidades autónomas, acordaron a "urxencia" de elaborar un plan do loita con mobilizacións diversas, pero unitarias que terá como lema "12 meses, 12 loitas pola educación pública". O plan quere evitar as mobilizacións puntuais e promover un calendario "elaborado dende abaixo e debatido por toda a comunidade educativa", segundo a declaración conxunta emitida o pasado sábado 10 de maio.

Así mesmo aprobouse unha proposta, xa debatida en todos os territorios presentes, de organizar un "Encontro-Escola de Verán" baixo o título "Que educación queremos?" a desenvolverse os días 16, 17 e 18 de xullo previsiblemente en Galicia. Nesta instancia, adiantan que terá lugar a aprobación do devandito plan de loita, unha vez debatido nos territorios das diferentes Mareas, asembleas e colectivos.