A plataforma de defensa da sanidade pública do Val Miñor pide á cidadanía que salga hoxe á rúa.

Imprimir
Manifestación en Santiago

83,18%. Esa é a cifra do seguimento da folga da sanidade en toda Galicia segundo os datos facilitados pola coalición formada polos sindicatos profesionais independentes CESM-O'MEGA. Uns datos que a Xunta rebaixa ao 20%.

Segundo estes datos; na Coruña o seguimento da folga está a ser do 81,6%, en Pontevedra do 82,6%, Lugo do 81,6% e en Ourense do 86,75% . Por áreas sanitarias, isto é os propios hospitais e os centros de Atención Primaria, o seguimento da convocatoria de folga é do 86% na Coruña, do 82% en Santiago, do 81% en Pontevedra, do 92% no Salnés, do 82% en Vigo, do 90% en O Barco, do 78% en Lugo, do 91% en Monforte e Burela, e do 95% en Ourense.

"É maioritaria a resposta do persoal sanitario á convocatoria de folga, a pesar de que a Administración dá unhas cifras ridículas", apuntan desde CESM-O'MEGA. "A Administración non conta como seguimento da folga nin ás persoas que saen de garda nin ás persoas que están a facer servizos mínimos, sobre todo a estas últimas". critican.

Val Miñor

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor apoian  a Manifestación Cidadá convocada polos Sindicatos para este Martes día 10 de Decembro as 20h. con saída desde o Hospital Xeral de Vigo e fan un chamamento á cidadanía para quen non asistan ás consultas os días 9 e 10 de decembro e participen na Manifestación deste martes no que entende unha "manifestación en Defensa da Sanidade Pública que O Goberno de Nuñez Feijoo esta a desmantelar"

A folga na sanidade contou co apoio de todos os grupos da oposición.

Así, a responsable de sanidade do PSdeG, Carmen Acuña, fixo un chamamento aos cidadáns para que se manifesten e digan "xa abonda" aos recortes sanitarios. Neste sentido, salientou que é a primeira vez en catro anos, que todos os sindicatos de clase e profesionais da sanidade se unen nunha protesta. "Temos que ser todos xuntos, profesionais e cidadanía, os que digamos ao Goberno que xa abonda de copagos, de recortes, de privatizacións", manifestou.

Pola súa banda, Anova tamén fixo un chamamento á cidadanía galega a manifestarse este martes, día 10 de decembro, nas accións convocadas nas pricipais cidades e vilas do País. "A Xunta de Galicia está desmantelando e privatizando os servizos sanitarios públicos, repartindo as parcelas máis atractivas económicamente entre grupos empresariais afíns, aseguradoras, multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras", denuncia nun comunicado.

Tamén o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, criticou o "proceso de degradación da sanidade coa desculpa do aforro" que, na súa opinión, está a levar a cabo o PP. Tras reunirse no hospital de Santiago con persoal sanitario que secunda a folga, demandou unha sanidade "pública, universal, gratuíta e de calidade para todo o mundo" e sinalou que en cambio, a política de recortes do PP non supón un aforro para o país, senón que aumenta o gasto na sanidade porque "os recursos van á sanidade privada".
Sanidade pública "de calidade"

Non é da mesma opinión a Xunta. O seu vicepresidente, Alfonso Rueda, considerou que non hai razóns obxectivas para esta folga. "Respectando sempre os dereitos de calquera traballador a acudir á folga pero as medidas que está a tomar a Xunta en sanidade e outras materias están guiadas polo interese público e por manter unha sanidade pública, de calidade e sustentable, non como noutras comunidades en que se pechan hospitais, ambulatorios...; aquí non se fai isto, senón todo o contrario", manifestou.

Así, salientou que o PP "recorta por múltiples vías", entre elas, dixo, menos presupostos para Primaria e Especializada e tamén a través do persoal, "cunhas 3.000 persoas menos entre sanitarios e non sanitarios no últimos tres anos".

Colaboran na información -  Galicia Confidencial