Feijóo irrompe na escena dos incendios para pedir colaboración cidadá

Imprimir
Ñunez Feijoo na criticada imaxe nun incendio en Meis en 2006

O verán de 2006 Galicia sufría a súa peor crise incendiaria dende 1989. Moita calor, moito vento e nada de chuvia eran as condicións perfectas para que centos de incendios afogasen cada día o país ao longo de dúas longuísimas semanas. No inicio do verán o PP galego, liderado por Alberto Núñez Feijóo dende xaneiro dese mesmo ano, garantiulle apoio "institucional" ao Goberno de coalición PSdeG-BNG, unha promesa que saltou polos aires en canto o fixo a estatística das lapas. O flamante líder conservador e un Mariano Rajoy en horas baixas apresuráronse en cargar contra o bipartito e, por extensión, contra o Goberno central de José Luis Rodríguez Zapatero. Lonxe daquela actitude, o actual presidente Feijóo vén de reclamar colaboración cidadá ante o lume.

"É probable que as condicións meteorolóxicas sexan peores e é certo que non é doado apagar o lume. Pero en situacións coma esta é onde se mide a eficacia dos Gobernos", declaraba Rajoy a La Voz de Galicia naquel verán. Mentres os conservadores lle daban alas a un colectivo denominado SOS contra o lume, liderado polo alcalde de Barro, José Antonio Landín, comezaban a pedir a cabeza política do daquela conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. En plenos incendios Rajoy vía na Xunta "incompetencia, ineficiencia, demagoxia e ocultismo". Xusto despois, no reinicio do curso parlamentario, Feijóo laiábase da "soberbia" do gabinete presidido por Emilio Pérez Touriño, que non aceptaba "nada da oposición". Polo camiño quedaba a comentadísima imaxe do líder conservador, mangueira en man, ao pé dunhas herbas afumeantes en Meis.

En 2006 Rajoy e Feijóo censuraban a "incompetencia" e "ocultismo" da Xunta e coidaban que os incendios servían para medir "a eficacia dos gobernos"

Unha instantánea ben distinta á da mangueira foi a difundida este luns pola Xunta. Tras máis de dúas semanas de loitra contra o lume o presidente reapareceu en Cualedro, onde nos últimos días arderon máis de 2.000 hectáreas en varios lumes que se converteron nun. Con, agora si, actitude institucional, Feijóo manifestou unha "preocupación compartida" polo lume. Nas instalacións do posto de mando avanzado instalado na zona asegurou non poder "entender" que existan "incendios por unha decisión dunha man dunha persoa". "Non podemos entender nin aceptar que poida haber xente que estea a plantar lume nos bosques e no labradío de Galicia", máis aínda cando, nalgúns concellos como Cualedro, "hai doce lumes nunha semana", cinco deles "en fin de semana".

Contraste co discurso de 2006

Mentres que, hai sete anos, o PP reclamaba saber "canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irresponsabilidade do Goberno", Feijóo explica agora que "a intencionalidade produce os seus efectos", máis aínda con "ventos moi fortes", malia aos cales o lume se puido controlar pola "pericia dos brigadistas e a colaboración dos veciños". Por todo isto o xefe do Goberno pide "formalmente" que "diminúan as posibles neglixencias e que nos axuden a detectar e saber quen son os que producen os lumes". "É un deber de colaboración cidadá e solicito formalmente que nos dean información", di.

García (PSdeG): "Se non investimos en prevención é moi difícil, malia aos medios, que poidamos extinguir o lume"

Este mesmo luns chegaban tamén críticas da oposición parlamentaria, desta volta pola banda do PSdeG. O voceiro socialista en materia de medio rural, Pablo García, asegura que el, como a conselleira Rosa Quintana, tampouco cre "nas casualidades" no ámbito dos incendios. Lonxe da virulencia da liorta política de 2006 García asegura que "non pode ser casualidade" que, "se temos 2.000 hectáreas sen ningún tipo de prevención, de cortalumes, sen faixa que rompa a vexetación", non é "casualidade, como di a conselleira, qeu acaben ardendo". Todo isto, argumenta, acontece porque "se non investimos en prevención é moi difícil que, malia aos medios que teñamos se poida extinguir o lume". Isto, subliña, "é o que este Goberno non acaba de entender".

Publicado en Praza