ANOVA Val Miñor mobilízase no parlamento galego e esixe á Xunta que se pronuncie co respecto á minería a ceo aberto na Serra da Groba.

Imprimir
Burato-dos-Mouros-01

-ANOVA anuncia que apoiará as mobilizacións en Pinzás (Tomiño) e mais en Santiago de Compostela contra explotacións mineiras indiscriminadas
-ANOVA a través do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou unha consulta á Xunta de Galicia na que inquire sobre a política que pensa seguir ante a pretensión da multinacional Medgold Resources Copr. Lda., de explotar a ceo aberto varias cuadrículas mineiras na serra da Groba, coa posible destrución e contaminación de grandes extensións deste enclave natural.

Ante a alarma social e a incerteza producida pola intención dunha empresa canadiana, Medgold Resources Corp. Lda., de explotar varias minas de ouro a ceo aberto na serra da Groba (que xa solicitou permiso de investigación e prospección e pagou taxas e impostos), a Asemblea de ANOVA do Val Miñor súmase e apoia os movementos que se están a dar para "parar estas desfeitas promovidas pola Xunta de Galicia", sinalan dende o colectivo nacionalista.
Dende o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda e dende ANOVA preguntouse polo proxecto e polo que a Xunta ten pensado facer ante as pretensións da empresa de explotar a ceo aberto varias cuadrículas mineiras na serra da Groba, o que suporían "a destrución dun grande patrimonio natural e poría en perigo os nacentes de auga, os ríos e as explotacións agrícolas, gandeiras e turísticas da nosa bisbarra", segundo da conta a agrupación nun comunicado.
Os nacionalistas denuncian que a utilización de mercurio, arsénico e cianuro e o seu almacenamento "en balsas xigantescas suporían un grande perigo de contaminación; destruirían grandes extensións de terreo ao mover millóns de toneladas de mineral e transformarían grandes superficies de paraxes naturais en terras ermas e contaminadas".
Ante estes feitos a Asemblea Val Miñor de ANOVA comunica que decide apoiar a xeira informativo-didáctica do sábado 1 de xuño promovida pola Asociación de Veciños de Pinzás polos lugares onde se prevé facer as primeiras prospeccións, con saída ás 10,00 horas da Casa do Pobo de Pinzás (Tomiño) e tamén a grande manifestación nacional prevista para o domingo 2 de xuño en Santiago, promovida pola plataforma galega CONTRAMINACCIÓN