O dereito dos miñoranos a ser atendidos no Novo Hospital de Vigo será debatido no pleno da Mancomunidade.

Imprimir
novohospitalvigo

O concelleiro nacionalista Xosé Antón Araúxo reclamará no pleno da Mancomunidade do Val Miñor, que os veciños da bisbarra sexan incorporados a área de asistencia hospitalaria do Novo Hospital de Vigo. O ex alcalde de Gondomar e actual portavoz da Asemblea Local de Gondomar (escindidos do BNG) na corporación mancomunada, tamén formulará unha petición para que a Xunta de Galicia informe claramente sobre o novo proxecto de execución da controvertida obra, tanto do plan funcional como do arquitectónico. Xunto a outros puntos, a iniciativa será presentada na vindeira sesión do martes 24 de abril.

 

Na que será a primeira iniciativa oficial na área mancomunada por parte da ALG, á vez integrante do Novo Proxecto Común do Val Miñor, pedirase unha declaración do pleno que rexeite a xestión dos tres alcaldes populares do Val Miñor que defenderon publicamente a creación " dun Novo Hospital para a Área Sanitaria de Vigo recortado en máis de 400 camas, e que vai deixar sen posibilidade de poder acceder ao mesmo aos veciños e veciñas do Val Miñor, obrigándoos a permanecer indefinidamente como poboación asignada ao hospital privado, POVISA."

A moción de acordo contén outros dous puntos relativos á sanidade. Nomeadamente o rexeitamento do pago por parte do Concello de Vigo dos gastos de urbanización e dotación de servizos, xa que os nacionalistas entenden que redundarían nun lucro para a empresa privada encargada da obra. Así como un reclamo para que "o Novo Hospital recupere o seu carácter estratéxico e de centro de referencia para o tratamento do cancro, investigación e a docencia, fundamentais para unha atención especializada de calidade da cidadanía e para o desenvolvemento económico e tecnolóxico da nosa Área Sanitaria."