Premio Lingualaxe de maio para Fruitas Vilar

Imprimir

Premios Lingua LaxeA finais de maio o Equipo de Normalización Lingüística Balbordo, do IES Auga da Laxe (Gondomar), faralle entrega do premio Lingualaxe  correspondente a este mes á empresa Fruitas Vilar, polo seu compromiso claro co uso da nosa lingua nas súas actividades  e mais polo seu apoio ao desenvolvemento de iniciativas que contribúen a dignificar  e divulgar a cultura galega.  Recoñécese así o importante labor de normalización lingüística e cultural que desde hai anos esta empresa realiza tanto na comarca do Val Miñor como fóra dela.

O premio Lingualaxe nacía o pasado mes de xaneiro como un esforzo por dinamizar o uso do noso idioma nun ámbito tan complexo para a súa normalización como é o da empresa e o comercio. Comezouse por elaborar un censo das empresas e establecementos comerciais do Val Miñor que, en maior ou menor medida, xa usan o galego nas súas actividades co obxectivo de dalos a coñecer, recoñecerlles ese compromiso e, ao mesmo tempo, animalos a seguir avanzando nese camiño. Pretendíase tamén abrir un debate e unha reflexión  socialsobre a necesidade de incrementar o número de empresas que aposten polo uso normal do galego e concienciar  a cidadanía, moi especialmente as xeracións máis novas,  para que valore a quen defende o noso patrimonio lingüístico.

 

Desde a súa creación, recibiron este premio o café Rañolas (Gondomar), o Lavado de Coches O Albor (Gondomar), a perruquería Susana Domínguez (Vincios-Gondomar) e a peixaría Xanela do mar (A Ramallosa-Nigrán). Coa entrega do quinto galardón a Fruitas Vilar , e debido ao próximo remate do curso escolar, o Equipo de Normalización Lingüística Balbordo vaille dar vacacións a esta iniciativa ata o comezo do vindeiro curso, momento no que agardamos retomala, xunto con novas propostas que permitan avanzar no necesario traballo de sensibilización social cara ao uso do galego en todos os ámbitos.