As candidaturas veciñais e/ou de unidade veciñal, aínda tendo un carácter e vocación abertamente municipalista non podemos, nin queremos, ficar caladas ante un proceso de tanta transcendencia como as próximas eleccións xerais. Somos conscientes do seu carácter extraordinario e da enorme influencia que o resultado das mesmas vai ter na nosa veciñanza e en toda a cidadanía galega.
E por iso que:
1ª.- Atrevémonos a ESIXIR responsabilidade política e un último esforzo tanto ás iniciativas cidadás (Iniciativa pola Unión e Encontro por unha Marea Galega) como aos partidos políticos implicados nas mesmas para concretar UNHA ÚNICA CANDIDATURA GALEGA que serva de expresión política da maioría social agredida e do dereito democrático a decidir para asegurar unha ampla presenza dun grupo galego nas Cortes españolas.
2ª.- Moitas das candidaturas que asinamos este chamado estamos presentes en concellos medianos ou pequenos e expresamos a vontade de achegar o noso traballo tanto na construción coma no éxito da CANDIDATURA GALEGA.
3ª.- Para concertar esta nosa vontade de achegar forzas e demandar respostas das iniciativas e partidos políticos, é polo que convocamos unha reunión en Santiago de Compostela o vindeiro domingo, 25 Outubro, ás 11hs, no Hotel Apostol Santiago, á que, obviamente, tamén están convocadas as devanditas plataformas: Iniciativa pola Unión e Encontro por unha Marea Galega.
Únete a este último esforzo !!
Galiza, outubro de 2015.
Convocan:
"Manifesto Miñor"-Gondomar; "Somos Cabanas"-Cabanas; "Chantada-CUP"-Chantada; "Movemento Salceda"-Salceda de Caselas; "CUP-Agromar"-Sober; "Alternativa Veciñal de Pazos de Borbén"-Pazos de Borbén; "Xinzo Adiante"-Xinzo de Limia; "Riada do Tea"-Ponteareas; "Somos Fene-CUP"-Fene; "Somos Maioría Vilagarcía"-Vilagarcía;